Máis de 20 escritores, críticos literarios, profesores ou investigadores participarán en 10 seminarios, conferencias e debates.
A Facultade de Ciencias da Educación da USC, en Compostela, acollerá este venres pola tarde e toda a xornada do sábado as XX Xornadas de Lingua e Literatura, organizadas pola Confederación Intersindical Galega do Ensino (CIG-Ensino) e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).
Na edición deste ano, máis de 20 escritores, críticos literarios, profesores e investigadores, entre outros asistentes, participarán en 10 seminarios, conferencias e debates sobre lingua, literatura e sociolingüística ao longo dos dous días.
O obxectivo das xornadas, que cada ano contan cun importante número de participantes, na súa maioría profesorado de Lingua e Literatura Galega, é a actualización e formación dos docentes no campo das nosas letras, profundar na galeguización do ensino e coñecer as últimas investigacións, traballos e estudos así como propostas prácticas para aplicar nas aulas.
Ademais, serven de lugar de encontro do profesorado e dos escritores, onde tamén se expoñen as últimas novidades editoriais galegas e os autores/as poderán asinar as súas obras. Segundo informan desde a organización, está solicitada a homologación á Consellaría de Educación por 11 horas.