Coa campaña, pretende atraer novas vocacións ao sacerdocio entre a xente nova e mellorar a imaxe dunha relixión devaluada polos escándalos de pederastial.
Imaxe da campaña
O importante descenso que se produciu entre a xente nova que aspira a ser cura está a provocar que a igrexa católica busque novas vías para atraer ou fomentar ese tipo de vocacións. Así, en Francia púxose en marcha unha campaña de recrutamento, que rematará o 5 de maio, e que conta, como novidade, con reflexo na rede social Facebook.
A campaña ten un orzamento dun cuarto de millón de euros e consiste na distribución de centos de miles de cartóns postais co lema "Et pourquoi pas moi?" (E por que non eu?). Pretende compensar, tamén, os últimos escándalos sobre abusos sexuais no seo da igrexa católica.
O grupo de Facebook desta iniciativa conseguiu reunir algo máis de 1.400 persoas, a meirande parte delas en só unha semana. A principal meta é conseguir asegurar o futuro do sacerdocio católico atraendo a mocidade, pois a media de idade dos curas en Francia, como en xeral en toda Europa, supera os 60 anos, que só se compensa coa chegada de sacerdotes católicos de países en desenvolvemento.