Pois actívate e comparte con esta nova ferramenta en liña para sumar esforzos en prol do galego.
Abrolla na rede unha ferramenta permanente de difusión do idioma baixo o nome GalegoLab. Unha plataforma de internet que, a xeito de rede social buscará pór en contacto persoas e coordinar achegas de medios de todo tipo para levar a bo fin accións positivas a prol da lingua.
GalegoLab nace á vez como asociación cultural co obxectivo declarado de "sumar esforzos e vontades, coñecementos e contactos, habilidades e afeccións en defensa do idioma galego, especialmente centradas nas culturas emerxentes e nos sectores máis novos da sociedade". "Entre os seus socios e socias hainos de distintos equipos de fútbol, distintas ideoloxías, distintas idades e distintos gustos gastronómicos, pero todos coinciden no seu interese por promover a lingua galega", expoñen na presentación.
As primeiras suxestións, achegadas pola propia asociación son: "Ida e volta", un encontro musical "coruñento-vigorento", sería un concerto en dúas xornadas (unha en Vigo e outra na Coruña), que busca xuntar grupos das dúas principais cidades galegas, con repertorio galego, "superando as ficticias rivalidades e reivindicando o uso do galego no ámbito urbano entre a xente nova"; 24 horas galego fullscreen: concurso audiovisual de vídeos de 5 minutos como máximo no que se resuman as 24 horas de conduta lingüística dun falante de Galiza; Galegogym: edición dixital de música en galego coa que facer fitness, para distribuír por ximnasios de todo o país; e Flashgalego, que propón a convocatoria de flashmobs en cidades de Galiza e lugares de veraneo (a experiencia piloto sería na Coruña e baixo o ritmo da canción, de Juan Pardo, "Falade meniñas, falade galego".