Ás portas de que os académicos decidan quen é o homenaxeado, diversas institucións bercianas fan forza en favor do escritor local.
O especial de Vieiros Letras 2010 en homenaxe a Uxío Novoneyra
O Consello Comarcal do Bierzo, único ente comarcal recoñecido como tal en Castela e León, o Concello de Cacabelos, lugar onde está enterrado o autor, o Instituto de Estudos Bercianos, o Colectivo de Mestres de Galego no Bierzo, Fala Ceibe, a Asociación Cultural Vagalume, a asociación Xarmenta... Un feixe de colectivos bercianos suman voz a prol da candidatura de Antonio Fernández Morales como autor a homenaxear no Día das Letras o vindeiro ano 2011.
"A fala que empregou Morales no século XIX, segue viva a día de hoxe e está presente nos centros escolares polo interese de máis de mil familias que decidiron que os seus fillos e fillas cursen galego voluntariamente no século XXI", expoñen nun comunicado conxunto, "cunha aposta como esta por saber do noso pasado, enriquécese o noso presente para facer un futuro mellor, unha aposta que debe ser apoiada dende as administraciois e que este tipo de celebraciois que agora solicitamos teñen a ben realizar no Bierzo, contribúen a que se faga máis presente e se divulgue un patrimonio común e compartido de galegos e bercianos".
Recordámoslles que Ricardo Carvalho Calero ou Florencio Delgado Gurriarán son outros nomes que nos últimos anos abrollan forte como candidatos á homenaxe. Desta volta, o nome Fernández Morales gaña forza pola coincidencia en 2011 do 150 aniversario da publicación da súa obra 'Ensayos poéticos en dialecto berciano' (1861), libro de gran importancia para a literatura galega por ser un dos primeiros publicados na etapa do denominado Rexurdimento. Mais hai que lembrar que por exemplo en 2010 cumpríanse os cen anos do nacemento de Carvalho Calero e finalmente o escollido foi Uxío Novoneyra. Xa que logo, os académicos teñen a última palabra. Á Real Academia Galega tócalle decidir e a resolución será comunicada este sábado contra as 13h na sede da institución na rúa Tabernas da Coruña.