Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

Unha nación no mundo

09:40 02/04/2008

Para alén das circunstancias e motivacións específicas de cada tempo e de cada país, as aspiracións de autogoverno das nacións sen Estado pertencen ao proceso, non pretedeterminado, de configuración dos Estados. Unha parte deles constituiu o resultado da independencia de nacións antes integradas en monarquías ou imperios alleos, como Irlanda ou Finlandia. Outros déronlle continuidade a antigas monarquías uninacionais, como Dinamarca ou Portugal. Con un territorio movedizo, como en muitos outros paises, Alemaña é a consecuencia da unificación de paises de cultura e historia común. O Estado español ou a República francesa formáronse no territorio patrimonial restante ou en crecimento de monarquías patrimoniais a través dun proceso de centralización e uniformación baixo un carácter nacional dominante e negando os demais.

Tendo unha tradición institucional e cultural e unha natureza material, económica, xeográfica ou social semellante, as aspiracións de nacións europeas como Escocia, Gales, Flandes, Cataluña, Euskadi ou Galiza pertencen ao mesmo decurso histórico. Ainda que en circunstancias diferentes, encóntranse agora nunha situación comparábel á que tiñan Noruega ou Eslovenia antes de conseguir unha institución estatal propria.

O problema colocado polas nacións sen Estado non ten nada a ver coa ideoloxía mistificadora dominante nos Estados estabelecidos, que pretenden constituirse como representación da racionalidade e identifican as aspiracións das nacións coa irracionalidade e o extravío histórico. As aspiracións das nacións sen Estado responden a algo tan razoábel como a necesidade de contar cos elementos institucionais e políticos decisivos e tidos como necesarios para afirmaren a súa identidade e para pensaren, programaren e responsabilizárense do seu porvir, elementos dos que dispoñen e gozan os Estados e lle son negados as nacións sen Estado convertindo en problemáticas a expresión da súa vontade politica, a permanencia do seu carácter lingüístico e cultural e a capacidade para promover libremente o seu progreso económico e social.

Sendo isto así, nas súas aspiracións ao autogoverno o movimento nacional galego ten que asumir retos decisivos. Nacido no século XIX, cando se independizaban a maioría dos actuais Estados europeus, hoxe como sempre ten que fortalecer a vontade nacional contra o poder e a dominancia material do Estado. Vese obrigado a fundamentar o carácter institucional e político do pasado diferenciado de Galiza -sen o cal non se pode explicar a historia dos reinos peninsulares-, pondo en causa unha lectura histórica estatal que apresenta ao Estado como unha nación única, identificándoa con España e negando ás demais. Frente á insidia da propaganda estatal debe defender a capacidade económica como país para sustentar unha institución de autogoverno ou un Estado proprio. Ten que salientar o carácter nacional e universal da lingua propria contra a identificación como língua minoritaria e subordinada. Neste tempo, frente á vontade centralizadora e uniformizadora do Estado, necesita pór de manifesto o significado da pertenza á Unión Europea sen fronteiras e o efecto desta realidade nas aspiracións nacionais, na cultura e na economía galegas e en particular na relación entre Galiza e Portugal.

As circunstancias deste tempo e o estado da sociedade oferecen unha mellor ocasión para Galiza empreender a senda que conduce a súa plena constitución como nación política, superando a condición de ser apenas unha provincia española en forma de Comunidade Autónoma. Non é esta unha decisión que se refira, unicamente a aspectos simbólicos ou institucionais. Ser provincia supón subordinar a propria personalidade á estatal dominante, estar presente no mundo só a través do Estado español do seu poder e a súa cultura, aceitar unha historia oficial que nega a propria, dar por boa a consideración ideolóxica de o galego ser unha língua minoritaria, procurar o respeito e a axuda desde a capital estatal, Madrid, como a vía de solución aos problemas, adoptar como propria a idea extraña de Galiza estar situada no cú do mundo. Ser nación é xustamente o contrario, contando con un autogoverno resultado da autodeterminación, por muito que isto sexa o produto dun pacto histórico que teña en conta a realidade plurinacional da convivencia na Península e en Europa. Ser nación é pensar o mundo, ser do mundo, solidariamente e contra o militarismo, desde a propria terra e en dialéctica coas circunstancias de cada tempo.

Sendo isto así, non parece que o movimento nacional galego organizado políticamente avance hoxe na boa direción. A corrente dominante abandonou de facto unha perspectiva hexemónica como camiño da construción nacional e a transformación social, tendendo a reducir a súa función en Galiza e no Estado a unha influencia condicionante dun poder de Madrid que basicamente non é posto en causa. Agora non é mesmo quén de recoller a pluralidade de manifestacións sociais, culturais e económicas que situándose na perspectiva de Galiza como nación inzan a sociedade galega. Estancouse nunha posición política subordinada cando, paradoxalmente, a sociedade galega está mais preparada que nunca para avanzar na construción nacional.

*Este artigo é un breve resumo dunha conferencia que o autor protagonizou na Semana Galega da Filosofía (27/03/2008). Ofrecémoslle a intervención íntegra.

4,39/5 (49 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións