Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

Un territorio común

17:15 03/12/2008

O Presidente do Brasil desfruta desde hai unhas semanas do Premio Internacional Don Quixote outorgado en Toledo a persoas relevantes por se distinguiren no apoio á difusión do español.

Outorgantes e gañador non lle dan o mesmo significado ao premio entregado este ano. Os primeiros din celebrar que o castelán sexa de ensino obrigatorio para os alunos brasileiros, facéndolle a corte a Brasil coa pretensión de convertilo nun dos lugares de expansión desa lingua, até devir nun Estado bilingüe. O Presidente Lula da Silva e as institucións estatais brasileiras, que teñen na língua portuguesa o principal sinal nacional, non coidan o mesmo: procuran que o español, igual que o inglés e outras, sexa unha segunda lingua máis entre as que se poden aprender no ensino do país, debendo as escolas estar preparadas para ofrecelas.

Sendo Brasil o principal Estado de Latinomérica, os seus governantes fan isto na consciencia da importancia do español como lingua dos Estados viciños e esperan que, achegando as escolas a aprendizaxe do portugués, a vontade integradora sexa tamén praticada polos demais. O Presidente do Brasil reclamou esa correspondencia, louvando o feito de o Rei Juán Carlos falar portugués, unha rara excepción entre dirixentes españois, sempre de costas viradas a respeito da cultura de Portugal. Así e todo, a pretensión das entidades do Estado español supón o recoñecimento implícito de que a nación brasileira constitui o sitio central e o principal impulsor político e económico-social de Latinoamérica, pondo en causa a identificación exclusiva do subcontinente coa Hispanidade e os paises de fala castelá que forma parte da idea oficial de España.

Entretanto, as instituicións políticas e culturais de Galiza desprezan a realidade histórica de Brasil ter o galego-portugués como língua propria. En lugar de defenderen a evidencia de que alí se fala un idioma nacido en Galiza, toman ao brasileiro como unha língua estranxeira. Se en Madrid alentan a “infinita variedade” do castelán, as instituicións oficiais galegas non salientan o fundamental que nos une, agrandando diferenzas internas do galego-portugués que non constituen un obstáculo para a unidade, como non o supoñen no caso de linguas como o inglés ou o castelán. Magnifican diferenzas non determinantes -que naturalmente deben ser conservadas no léxico, na fonética ou na prosodia- para xustificaren unha deriva expresamente separadora.

Responden a un pensamento que da por galego as variantes do galego-portugués que se falan no Estado español, incluidas as da Asturias ocidental, o Bierzo, a Seabra e os pequenos vales fronteirizos de Extremadura, mais non as praticadas máis alá das fronteiras do Estado, ao Sur do Miño e da Raia Seca ou alén do mar, que non poderían formar parte da mesma lingua.

O galego ten diferenzas coa forma do portugués imposta polas instituicións de Lisboa contra outras variantes, nen a língua nacional de Galiza ten porqué asumir para ela o nome de portugués. Porén, é a mesma língua que o portugués e particularmente que as variantes do Brasil, Angola ou Moçambique. Ben lonxe do tipo de debates que son aquí habituais, non é preciso mais que estar neses paises comprobar que vivimos no mesmo espazo lingüistico, que a xente deses paises fala como a de Mondoñedo ou Fisterra.

De as instituicions de Galiza aceitaren que en Brasil falan a mesma lingua que nós -un idioma que naceu nun aquí que incluía os condados de Portucale e Coimbra fundados por Hermenegildo Guterres, o avó de San Rosendo-, daríase un paso de xigante para a normalización do uso do galego. De par diso, as autoridades do Estado español poderían empreender un camiño de achegamento a Brasil ben afastado do que están a tomar coa vá pretensión de tornar aos brasileiros en castelán falantes.

O Presidente Lula da Silva -a quen hai pouco lle correspondeu presidir as reunións do G20 en São Paulo e Washington, cando “a economia mundial atravessa o seu momento mais grave em décadas”- en Toledo partillara o premio co escritor mexicano Carlos Fuentes. Nos medios de comunicación foi lembrado que o escritor mexicano bautizou como Territorio de la Mancha o espazo xeográfico habitado polos que falan español, sen que ninguén discuta semellante achegamento á unidade. Non debería estar lonxe o día en que se abra en Galiza a lexítima posibilidade nacional de escoller o nome dun territorio común para expresarmos a identidade linguística galego-portuguesa.

4,45/5 (78 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións