En Estambul, a cidade do Estreito do Bósforo, o Corno de Ouro, o Mar de Mármara, viciños no sur o Estreito de Dardanelos, o Mar Exeo e o Mar Negro no norte, coinciden os pasados dos imperios Romano Bizantino e Otomano.
Deslumbrados, desde o alto da xenovesa Torre de Gálata ou desde o Pazo de Topkapi, compreéndese porqué os romanos situaron alí outra capital no século IV e os turcos seléucidas e os otomanos procuraron desde o XI, ao axexo desde Anatolia, a ocasión lograda en 1453 de convertela no centro dun Imperio islámico, para estender o seu dominio por boa parte de Europa. A basílica de Santa Sofía, construida en 537 polo emperador Xustiniano, cando o Reino galaico-suevo e Bizancio na Bética flanqueaban un Reino godo que ainda tiña a capital alén dos Pirineus, sería convertida no modelo arquitectónico dos grandes templos otomanos da urbe: a Mezquita Azul, a Mezquita de Suleimaniye, a Mezquita Nova, a Mezquita do Príncipe. A visión da infindade de barcos de Cangas e de navíos turcos, ucranios, rusos, búlgaros, rumanos, xeorxianos, navegando polas “sedosas aguas do Bósforo”, explica o orgullo sentido polos que durante séculos moraron no sítio. Desde os civilizados outeiros enxérgase a artificialidade da división en dous, precisamente alí, do continente euroasiático.
Asentada en Tracia e Anatolia, Estambul é unha das grandes e máis fermosas cidades da Terra. Viven nela 13 dos 71 millóns de Turquía. A xente e os seus costumes, a xeografía urbana, as rúas e os edificios causan a impresión dunha urbe mui próxima. Asombra a vitalidade da cidade tradicional da muralla romana construida en 422 no tempo de Teodosio II, da Cisterna, coa beleza dunha grande basílica subterránea, dos magníficos templos cristiáns e musulmáns, de Topkapi levantado sobre o Mar de Mármara polo sultán Menmet II seis anos depois da toma de Bizancio, do Pazo de Dolmabahçe, erguido no século XIX sobre o Bósforo, como un Versalles, habitado nos seus últimos días polo Presidente Kemal Ataturk, das pontes paseadas, dos bairros populares, dos millares de pequenos negocios. Mais alá do Corno de Ouro, disfrútase do bulir multitudinario da praza de Taksim e da peonal Istiklal Cadessi, do ensanche cara o norte, un outro París con tendas de toda procedencia, tamén de Arteixo. No horizonte aparecen os rañaceos e as autoestradas e as dúas grandes pontes do Bósforo que enlazan os vías de Grecia no poente e da Anatolia no levante. Na paisaxe humana están presentes os hábitos de vestir femininos que responden ás crenzas relixioso-culturais musulmanas, mais só nunha estrita minoría. A esmagadora maioría da xente exprésase como a de calquer outra cidade europea. Indo para Bursa no Mármara, con tres fábricas de automóbeis, ou viaxando da impresionante Éfeso á populosa Esmirna no Exeo, o rosto oferecido no camiño polas grandes chairas agrarias abrigadas pola cordilleira do interior é o dun Estado moderno e ordenado.
Estabelecida en 1923 depois da caida do Imperio como unha das consecuencias da Primeira Guerra Mundial, a Turquía actual non pretende ser a sucesora política do Imperio Otomano, senón un novo Estado en forma de República laica. Omnipresente, Kemal Ataturk non é presentado como un governante autoritario, senón como un lider republicano e europeizador.
Desde alí compreéndese a ambición da República turca por convertirse en membro da Unión Europea, un propósito formulado hai muitas décadas e nunca acollido unánimemente polos Estados da Unión. Turquía quer achegarse á Unión Europea sen deixar de ser ela mesma, sabendo que como recolle para outra época a sentencia lembrada por Orhan Pamuk en O Libro Negro: “todos os povos que non poden ser eles mesmos, todas as civilizacións que imitan a outras, todas as nacións que se contentan coas historias de outras, están condenadas a afundírense, a desapareceren, a a seren esquecidas”.
Porén para ser ela mesma ten que recoñecer institucional e culturalmente ao povo curdo, resolvendo no que corresponde ao territorio da República o problema criado como consecuencia da negación, tamén en 1923, dun Estado nos territorios desa cultura divididos entre Turquía, Irán, Iraque e Siria. Debe asumir o xenocidio praticado contra os armenios no tempo da Primeira Guerra Mundial. Ten que resolver o problema paradoxal dun Exército garante da República laica de Ataturk e ao mesmo tempo poder militar inaceitábel nun Estado democrático e apagar ademais o perigo dunha nova islamización das normas de convivencia.
Os turcos néganse orgullosamente a comezar a integración na UE por unha asociación, xa posíbel, na que se partillaría todo menos as instituicións de governo e parlamentarias, que se manterían diferenciadas. A dimensión demográfica turca -depois de todo menor que a de Alemaña e non muito maior que as de Franza, o Reino Unido e Italia- e a súa personalidade relixiosa non constituirían un problema, sempre que tanto para tratar esta integración, como hoxe a de calquer outro Estado, se puxesen en marcha as instituicións democráticas pendentes que viabilicen a toma de decisións por maioria democrática cualificada dos Estados que quereren permanecer na Unión. Este verán, o Primeiro Ministro Recep Tayyip Erdogan falaba por fin co principal partido curdo presente no Parlamento da Républica. Na imprensa aparecían os temores á un avance dos propósitos islamizadores do partido governante e a posición contraria dos partidos laicos e do Exército. Entre os libros comprados nunha das excelentes librarias da animadísima Istiklal Cadessi, , a foto da portada de A nova era europea de Turquía mostraba aos meus colegas do Grupo Verdes-Alianza Libre Europea erguendo no Parlamento Europeu cartazes en defensa da entrada de Turquía na UE. Se se produce a integración será porque a UE reemprende a tarefa, agora tamén como potencia civil no mundo, de constituirse como unha entidade política pola paz e a solidariedade, derrotando definitivamente as tendencias internas e externas que a conducirían á banalización e a subordinación da construción europea.
Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.