Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Vicent Partal

Votade

12:00 11/12/2009

Este domingo 700 mil persoas teñen a posibilidade de votar nos 170 referendos convocados. E o domingo chega con votar. É así de sinxelo e de imparábel. Porque para saír da dinámica esgotada na que nos atopabamos e volverlle a ilusión a este país, hai que meter a papeleta na urna.

Dous meses despois do histórico referendo de Arenys de Munt, as consultas sobre a independencia poden esbozar este domingo un panorama novo. Un número elevado de votantes corroboraría isto que xa é unha evidencia nas conversas e nos debates: que a centralidade do país moveuse e que a independencia xa non é vista como un obxectivo maximalista, senón precisamente como o único posibilismo que pode asegurar que aquelas aspiracións de liberdade nacidas durante a noite franquista se manteñan nos mínimos necesarios e poidan medrar para adecuarse ao século no que vivimos.

Hai momentos da historia colectiva na que cómpren heroes, persoas que arriscan, que a xogan. Este domingo non. Este domingo será abondo con saír á rúa e votar. Con ilusión e con firmeza. Sen dramatismos, pero sen frivolidades. Agora non discutimos o dereito a decidir: exercémolo. E exercéndoo demostramos en España e en Europa que as fórmulas avellentadas xa non nos serven e que estamos dispostos a tomar o futuro nas nosas mans. Simplemente porque é noso.

5/5 (19 votos)



Vicent Partal (Bétera, 1960). Fundador e director do diario electrónico VilaWeb, creado en 1995. VilaWeb conseguiu converterse nun medio dixital de referencia e líder de audiencia en lingua catalá.

»



Anteriores...