Se fose alemán, se cadra queixaríame do plan de aforro da chanceleresa Merkel, pero visto desde aquí impresiona. Alemaña eliminará unha quinta parte do exército, pero manterá a solidariedade e aumentará o investimento en educación e investigación. Carallo.
Hai moitos anos explicáronme un chiste en Moscova. Era a época soviética e os moscovitas recibían a noticia de que, finalmente, un país socialista chegara ao comunismo: a República Democrática Alemá. A reacción inmediata, co típico sarcasmo dos últimos anos do réxime, era a de lembrar que chegaran, si, pero non por comunistas, senón por alemáns.
A chanza quizás se podería aplicar agora para matizar todo iso da dereita e da esquerda. A chanceleresa Merkel é de dereitas, pero Alemaña fixo onte algunhas cousas que xa me gustaría ver aquí. Outras non. Pero algunhas si, e aquí non as podemos nin imaxinar.
Falemos sobre todo das prioridades. A chanceleresa pediulle ao exército que elimine 40 mil soldados dos 240 mil que ten, é dicir que suprime unha quinta parte. E subiu os impostos sobre os beneficios dos bancos, con ameazas se atreven a repercutir custos sobre os clientes e ás compañías eléctricas. Pero non subiu os impostos directos dos cidadáns. E, por se a lista de prioridades é pouco clara, decidiu manter íntegra a axuda internacional ao desenvolvemento e aumentará, aumentará!, o investimento en educación e en investigación, porque esta é a única vía para saír da crise.
Todo non é bo, porén, porque a señora Merkel reducirá as prestacións aos desocupados de longa duración, unha medida extraordinariamente perigosa para a xente que peor o pasa. E di que 'racionalizará' as axudas aos desocupados sen aclarar de que fala.
En todo caso, e malia esta discrepancia esencial, no resto de medidas resulta moi significativo o xeito diferente de encarar a crise. O exército aquí é intocábel, a solidariedade co terceiro mundo sufriu un recorte de 600 millóns que nos sitúa moi lonxe do obxectivo do 0,7% e os bancos son aínda máis intocábeis que o exército.
Se cadra é que son alemáns, que dicía o chiste. Ou se cadra é que as etiquetas non o explican todo.
Vicent Partal (Bétera, 1960). Fundador e director do diario electrónico VilaWeb, creado en 1995. VilaWeb conseguiu converterse nun medio dixital de referencia e líder de audiencia en lingua catalá.