Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Iugoslavia, cuestións pendentes

O que pode pasar en Iugoslavia segue a ser unha incógnita. O futuro de Milosevic e do Partido Socialista Serbio, as relacións con Montenegro, a cuestión do Kosovo e mesmo da República Srpska de Bosnia son cuestións pendentes. O Ministro de Exteriores francés, Hubert Védrine, na súa calidade de actual presidente de quenda do consello de Ministros da UE, viaxou a Belgrado. Ao tempo que expresaba o recoñecemento da UE ao novo presidente iugoslavo, transmitíalle as solucións occidentais a estas cuestións e convidaba a Kostunica ao cumio de Biarritz.

- 06:49 17/10/2000
Tags:

Os “quince” recibiron con entusiasmo a Kostunica, quen mesmo estreitou as mans de Javier Solana, aínda que se negou a que o momento fose recollido polas cámaras. Despois das declaracións formais, Kostunica foi debullando os espiñentos asuntos sinalados con anterioridade.

Sobre a cuestión bosníaca, despois de lembrar que era serbio e que falaba como tal, aínda que tamén demócrata e polo tanto respectaba ás minorías e tamén presidente de todas as comunidades da federación iugoslava, dixo que asumía os acordos de paz de Dayton e a protección internacional sobre o territorio de Bosnia-Hercegovina.

Sobre Montenegro, admitiu a posibilidade de realización dun referendo e que, no caso de se celebrar, respectaría o resultado. Agora ben, en ningún momento confirmou a realización do mesmo, aspecto este que a UE esperaba que concretase, nin si o ámbito do mesmo sería Montenegro ou a Federación Iugoslava. Neste aspecto, foi ambiguo dabondo, nunhas ocasións falou de que os cidadáns de Montenegro poidan decidir se seguen na actual situación ou non, mentres que noutras apuntou que a decisión correspondía a todos: serbios e montenegrinos. Mesmo para buscar saída a cuestión sinalou a posibilidade de mudar o nome da Federación, que na súa opinión xa non ten sentido ao non formar parte da mesma nin croatas, nin eslovenos, nin macedonios ou bosníacos, e apuntou o nome de Serbia e Montenegro, sempre que os resultados do referendo fosen favorables á permanencia da federación.

Sobre a cuestión do Kosovo indicou que asumía a resolución 1.244 na que Nacións Unidas tomou o control do territorio, que despois cedería a OTAN. Sobre o conflicto kosovar pasou de puntiñas aínda que deixou entrever a posibilidade de devolverlle a autonomía ao Kosovo. Nesta opción insistiu Jim O´Brien, enviado especial dos EE UU nos Balcáns, quen, despois de se entrevistar con Kostunica, confirmou que tal solución está no pensamento do novo presidente iugoslavo.

Na cuestión interna serbia, Kostunica foi prudente. Non cargou contra a OTAN aínda que lembrou que os bombardeos son difíciles de esquecer, ao tempo que considerou que entre as súas prioridades non figura entregar a Slobodan Milosevic ao Tribunal Internacional de A Haia, xa que antes hai graves problemas políticos, económicos e sociais que compre resolver.

Todos marcharon ledos. Os “quince” polas palabras ponderadas de Kostunica, quen sen comprometerse en exceso quentou os oídos dos europeos occidentais. O presidente polo definitivo levantamento das sancións, as promesas de axuda económica e as facilidades dadas para a pronta reincorporación aos organismos internacionais (ONU, FMI, etc.). Claro que en Biarritz non se escoitaron as pretensións dos montenegrinos, nin dos albano-kosovares, nin tampouco ao, aínda poderoso e influinte, Partido Socialista Serbio de Milosevic. A UE planifica o que quere que se faga nos Balcáns, despois as cousas van por onde deciden os habitantes destas atormentadas terras.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: