Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Preescolar na Casa, 25 anos de garabatos

O programa Preescolar na Casa foi creado en 1977 polo finado Antonio Gandoy Díaz, coñecido en Lugo como o "cura da bicicleta", para axudarlles aos pais a educar os seus nenos durante o período previo á escola, naquelas zonas onde non había centros de educación infantil. No 2002, coincidindo co 25 aniversario do proxecto e coa morte do seu fundador, o programa desvinculouse de Cáritas Diocesana para constituírse en fundación independente, e seguir facendo o seu: concienciar aos pais da importancia do seu papel como primeiros educadores dos seus fillos.

- 17:28 24/02/2003
Tags:

A Antón Gandoy ocorréuselle en 1977 poñer en marcha un programa dirixido aos pais do medio rural galego con nenos menores de catro anos, baseándose na súa propia experiencia familiar.

Segundo explica unha orientadora da fundación, Luisa Rey, o cura de Lugo lembrábase de cómo lle ensinaran na casa as primeiras letras e quería facerlles ver aos pais que tamén eles podían darlles aos seus fillos unha educación preparatoria para a escola, sobre todo naquelas zonas nas que non había centros de preescolar.

Con esta idea botou a andar un proxecto de formación gratuíto vencellado a Cáritas Diocesana, que chegaría a ter un espacio en Radio Nacional de España e máis tarde, a comezos dos noventa, na televisión coa emisión do programa Preescolar na Casa na TVG.

Gandoy faleceu no 2002, o programa constituise en fundación e entre unhas cousas e outras a celebración do 25 aniversario reduciuse a un número especial da revista que habitualmente editan e a unhas recentes conferencias en Lugo.

Luisa Rey, orientadora do centro, explica que despois de tanto tempo o programa sigue sendo necesario e afirma que os pais amósanse satisfeitos cos temas que tratan (alimentación, comportamento ou calquera problema cotiá ao que se enfrontan). "A proba é que é un programa voluntario e gratuíto, só lles pedimos que participen en reunións quincenais dunhas dúas horas, e son moi poucos os que abandonan".

As familias interesadas en apuntarse ao Preescolar na Casa, mesmo os que aínda non teñen fillos pero pensan neles, só teñen que poñerse en contacto coa fundación para que lles iforme do centro máis próximo á súa casa no que se desenvolve o programa.

A fundación finánciase co apoio das administracións locais e autonómica, segundo sinala o presidente, Alejandro Fernández Pumariño. Ademais, afirma que a experiencia é "moi positiva", non só polos resultados que constatan os educadores nos nenos, senón tamén polo interese dos propios pais.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: