Despois de 23 anos no cargo, José María Cuevas cédelle o mando da patronal estatal ao galego Xerardo Díaz.
"A mellor empresa pública é a que non existe", subliñou o empresario de orixe luguesa Xerardo Díaz Ferrán no momento de tomar oficialmente o relevo de José María Cuevas. Na súa intervención durante a asemblea xeral da patronal que asinou a despedida para Cuevas, Díaz Ferrán insistiu en que "as empresas públicas deben privatizarse porque a xestión privada funciona mellor". O novo líder da CEOE anunciou para o próximo outono a presentación dun plan estratéxico para a entidade durante os próximos anos.
Empresario con orixe en Lugo
Na práctica, Xerado Díaz Ferrán xa actuaba á fronte da Confederación Española de Empresarios desde mediados do pasado mes de febreiro. Díaz Ferrán iniciárase no mundo económico hai corenta anos coa fundación da empresa de buses Trapsa. Foi tamén presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid.
Díaz Ferrán accedeu ao cargo coa beizón do anterior presidente, malia que sen conseguir sumar a unanimidade do comité executivo da patronal. Logo do seu nomeamento ábrese un longo período de transición e preelectoral, até 2010, ano para o que se fixan eleccións na CEOE. A súa escolla enténdese como continuidade na dirección da CEOE, liña confirmada polo propio Díaz Ferrán na súa primeira intervención pública despois de coñecerse a decisión.