O secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, fará unha ofrenda floral diante do busto de Castelao.
De igual xeito que o fixeron nos últimos anos, os socialistas escolleron Rianxo como escenario para a celebración oficial do PSdeG deste Día de Galiza. Con todo, desta volta si estará Emilio Pérez Touriño no acto, por primeira vez desde que asumiu a presidencia da Xunta, xa que en 2006 cedéralle o protagonismo ao secretario de Organización do partido, Ricardo Varela.
Xa que logo, a dirección do partido viaxa a Rianxo, onde ás 13h15 e no Paseo da Ribeira, o secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, e o alcalde de Rianxo, o socialista Pedro Piñeiro, farán unha ofrenda floral diante do busto de Castelao.
Os socialistas chegan a este acto despois da reunión esta mesma semana da executiva do PSdeG para facer balance de lexislatura, onde Pérez Touriño quixo destacar a "moi positiva" avaliación que a formación fai deste treito. Touriño destacou ademais o "compromiso coa transparencia" que na súa opinión lle trasladaron os socialistas ao executivo e á escena parlamentaria. "É a lexislatura máis fértil e fecunda da historia da autonomía", asegurou Ricardo Varela.