Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CNMV esíxelle máis datos

Ence non incluíu no informe anual o impacto das súas leas xudiciais

A empresa tivo que dar explicación por non incluír nas súas contas anuais as posíbeis consecuencias de todos os procesos xudiciais que contra ela están abertos, asi como polo impago de compromisos de saneamento na ría de Pontevedra.

Redacción - 12:30 13/08/2007
Ence na ría de Pontevedra. Flickr: zeraquiel

Ence na ría de Pontevedra. Flickr: zeraquiel

Ence recoñeceulle á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que na actualidade "quedan pendentes de resolución dous procedementos xudiciais" respecto á caducidade da concesión en Pontevedra da súa fábrica. Mais tamén subliña que "todos os procedementos comezados con relación a este asunto sempre teñen sido desestimados" e que as perspectivas dos que aínda non se resolveron son "son igualmente positivas".

O organismo español regulador do mercado de valores dirixiuse a finais do mes pasado á compañía para que esta lle ampliase información sobre a súa auditoría de 2006 e chegoulle a expor a Ence até 10 cuestións nas que se inclúen aquelas nas que se lle pregunta polos contenciosos en Galiza, mais tamén pola relación que mantén a empresa coa
Xunta. A papeleira respondeulle á CNMV o pasado 20 de xullo.

A compañía insiste en que os procesos xudiciais contra ela non son relevantes
Nos xulgados están aínda dous procesos abertos por incumprimento da legalidade cos vertidos e por incumprimento dos criterios de declaración medioambiental na central. Ence, ademais de todo isto, non conta coa Autorización Ambiental Integrada, que tería que ter en regra antes do primeiro de xaneiro do ano en curso, o que podería ser susceptíbel de levar a papeleira a outro xuízo.

A información que lle pide a CNMV
Este organismo debe esixir máis información ás compañías cotizadas sobre as súas contas cando o crea pertinente, mais no caso de Ence non é un tan trámite habitual, xa que a información que se lle pide é meirande que a do resto de empresas -unhas 130 no exercicio de 2006, das que 20 son investigadas a fondo pola CNMV.

Na súa solicitude, a CNMV pediulle a Ence que xustificase o tratamento contábel dado a 5,34 millóns de euros en relación cun acordo asinado coa Xunta de Galicia. A compañía respondeu que eses cartos veñen dun acordo de 2001, polo que Ence se comprometía a pagar seis millóns entre 2002 e 2006 -acreditada pola Xunta- para o saneamento da ría de Pontevedra. Mais na realidade Ence non lle pagou á Xunta en 2006, por considerar que as condicións do pacto tiñan mudado.

Incremento de beneficios do 16,5%
Con datos do primeiro semestre de 2007, a empresa acumulou unha suba de beneficios de até 42 millóns de euros, un 16,5% máis ca no mesmo período do ano anterior. Así e todo, o volume de negocio do grupo descendeu lixeiramente neste treito, debido ao freo da división enerxética de Ence. Malia iso, o pequeno descenso quedou compensado polo incremento na actividade da división forestal.


4,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: