Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Chegando aos 30 anos do programa

Educación decide retirarlle parte da subvención a Preescolar na Casa

A Fundación mantivo unha xuntanza con membros da consellaría esta cuarta feira para que se poidan manter as axudas e os postos de traballo.

Redacción - 14:50 28/02/2008

O programa educativo da Fundación Preescolar na Casa dedícase a axudarlles aos pais na educación dos seus fillos de até os seis anos, sobre todo nas zonas rurais do país. Na actualidade benefícianse do seu programa algo máis de 4.300 nenos dunhas 4.100 familias de toda Galiza.

No programa traballan 76 mestres. Deles, 59 están contratados pola Fundación Preescolar na Casa e os resto, 17, son funcionarios da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.

A comezos deste mes esta Consellaría anunciou que vai reducir o número de mestres a 13, e que van retirar a subvención de funcionamento ao programa, coa que se paga, entre outras cousas, as dietas, o quilometraxe e o material empregado nas xuntanzas polos docentes que dependen da administración.

En Vieiros falamos con Ermitas Fernández, presidenta de Preescolar na Casa, a quen xa tiñamos entrevistado cando se anunciaban as actividades para conmemorar, no primeiro trimestre deste ano, os 30 anos do programa.

"Estamos pendentes da resposta da Educación, pero eu creo que pode ser positiva"

Ermitas Fernández contounos que viñan de se xuntar con membros da Consellaría de Educación, aos que lle presentaron unha petición para que se cubran os custes do ano enteiro, porque, segundo dixo "non temos outros recursos. Dende Educación deberan reconsiderar a supresión destes catro postos de traballo, e penso que é probábel que o fagan finalmente. Supoño que a semana que vén teremos a resposta da consellaría".

Fernández tamén lembrou que o financiamento de todo o ano organízase no último trimestre do ano anterior, e que se agora se retira a subvención "teriamos problemas graves e vertámonos obrigados a paralizar as actividades desas persoas cuxos custes non podemos pagar".

"Dende o ano 1982, nos orzamentos xerais da Xunta veñen incluídos os cartos de Educación destinados ao noso programa", dixo Ermitas Fernández, que tamén quixo destacar que se se retiran todas as subvencións, os postos de traballos dos 17 mestres dependentes da consellaría (non dos outros 59 de subvenciona a Fundación), estarían en perigo.

Na actualidade a Xunta subvenciona as actividades da Fundación Preescolar na Casa a través de, ademais da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, da Consellaría de Traballo e das Secretarías Xerais de Igualdade e de Política Lingüística.


3,22/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: