Eliot Spitzer, que antes de ocupar o cargo desmantelara varias redes ilegais, foi gravado o mes pasado cando concertaba unha cita cunha meretriz.
O gobernador de Nova York, o demócrata Eliot Spitzer, presentou esta cuarta feira a súa renuncia ao cargo, que será efectiva a partir do luns, tras se facer público que contratou os servizos de prostitutas de luxo durante o seu mandato.
"Dimito do cargo de gobernador de Nova York", declarou Spitzer nunha breve comparecencia ante a prensa en Albany, capital do estado, precisando que, para facilitar a transferencia do poder, a renuncia "será efectiva o luns 17 de marzo".
Spitzer expresou o seu "agradecemento" á súa familia pola súa "comprensión" tras coñecer os feitos, e os seus "remorsos" polo ocorrido. Así mesmo, defendeu a importancia de "asumir a responsabilidade" dos actos de cada un, e pediulles "desculpas" aos seus electores "por non cumprir coas súas expectativas".
'Ir mallar e vir mallado'
O gobernador de Nova York foi gravado o mes pasado mentres acordaba unha cita cunha prostituta pertencente a unha rede chamada Emperors Club VIP nun hotel de Washington, segundo publicou o diario The New York Times, que citou a unha fonte relacionada coa investigación federal.
Cando dirixía a unidade contra o crime organizado do estado, antes de ser elixido gobernador en novembro de 2006, Spitzer actuou contra polo menos dúas redes de prostitución.