Viño de calidade saído de zonas de complicado cultivo e en muras deitadas en fortes pendentes. Ducias de expertos de todo o mundo comparten experiencias e ideas ao respecto.
Os coidados específicos que requiren as viñas que se despregan en pendentes de até o 30%, o potencial turístico, as ameazas coas que as reformas lexislativas no sector ameazan impactar neste tipo de áreas vitícolas... Son temas que se tratarán no Congreso Internacional sobre Viticultura de Montaña e en Forte Pendente, promovido polo Centro de Investigación, Estudo, Salvagarda, Coordinación e Valorización da Viticultura de Montaña, CERVIM, en colaboración coa Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia e baixo o patrocinio da Organización Internacional da Viña e o Viño, OIV.
A xuntanza ten lugar entre o 13 e o 15 de marzo a pé da Ribeira Sacra, na vila de Monforte de Lemos, e xa confirmaron asistencia arredor de 200 especialistas, de Europa, Estados Unidos e Suráfrica, que analizarán, debaterán e compartirán experiencias arredor da historia, retos e futuro deste tipo de áreas de produción. Unha das metas será estudar as mellores fórmulas para poñer en valor este tipo de zonas vitícolas, reparando nas posibilidades de interrelación histórico-cultural, técnica, paisaxística e económica.
Zonas que precisan de atención especial
De xeito concreto, desde Medio Rural consideran por exemplo que as previsións de arrincado de viñas deberan limitarse ou prohibirse neste tipo de áreas con condicións tan complicadas, ao tempo que debera haber un apoio financeiro especial para manter estes cultivos. Ademais, o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, destacou na presentación do evento a importancia da promoción turística destes lugares, dando a coñecer "o extraordinario valor ambiental e paisaxístico".
En Galiza hai 3.3392 hectáreas de cultivo neste tipo de áreas. Un total de 1.590 están en zonas amparadas baixo as Denominacións de Orixe de Ribeira Sacra, Valdeorras e O Ribeiro. A nivel estatal só no noso país se realiza este tipo de cultivo en pendente. No conxunto da Unión Europea, a produción galega supón o 8% do viño "en altitude" da Unión Europea.