O conselleiro de Medio Rural afirmou que estudará as "lexítimas" alegacións, que tentará compatibilizar co espírito do anteproxecto de lei.
O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, anunciou que fará todo o posíbel para que a Lei integral de drogodependencia, que prepara Sanidade, non "erosione" os intereses do sector vitivinícola. As declaracións de Suárez Canal chegan despois de que os cinco consellos reguladores do país pedisen que se excluíse o "viño de calidade" do texto do anteproxecto de lei.
O responsábel de Medio Rural afirmou en Lugo, na inauguración da feira Foresgal, que se estudarán as alegacións dos viticultores, que cualificou de "lexítimas". Porén, Suárez Canal dixo que hai que harmonizar tres aspectos: "A persecución das condutas adictivas e dos consumos abusivos, preservar que en determinadas actuacións o consumo de alcol non se produza e articular todas as solicitudes que están a formular os concellos de cara ao consumo en espazos públicos".