A cooperativa Condes de Albarei deseña unha iniciativa coa que espera que en 2010 pase unha media de 50 mil visitantes polo Pazo.
O que fora famosa propiedade de Laureano Oubiña, agora no cárcere, será en breve o centro dun ambicioso proxecto enoturístico. A cooperativa cambadesa Condes de Albarei, que adquiriu o Pazo de Baión en poxa pública por quince millóns de euros, deseñou para o lugar unha estratexia coa que prevé que en 2010, cando estea en marcha a iniciativa, pasen polas instalacións unha media de 50 mil persoas cada ano.
"Hoxe en día unha adega non pode adicarse simplemente a facer viño e vendelo, hai que facer algo máis", explica Xavier Zas, xerente de Condes de Albarei. "Hai dez anos a xente non visitaba adegas, pero hoxe hai clientes que chaman á porta, e hai que recibilos e tratalos como o que son: convidados de honor", sinala Zas.
A rehabilitación do Pazo de Baión incluirá a construción dun pequeno hotel, área de celebración de eventos e congresos e centro de atención ao cliente. Condes de Albarei ofrecerá visita ao propio pazo, ao viñedo e á adega, con explicación incluída do proceso de elaboración dos viños da cooperativa e posibilidade de degustación xunto con gastronomía da zona.
Axuda a rehabilitación de drogodependentes
Os promotores esperan ter as instalacións en funcionamento en 2010, e consideran que é unha proposta innovadora a nivel estatal que atraerá moitos visitantes á zona. O proxecto xa foi incluído no plan estratéxico da cooperativa e ademais, as 22 hectáreas de viña do Pazo de Baión servirán para a elaboración "dunha liña de viños de alta gama", que pretenden converter en "referencia mundial".
Ademais, acordaron que durante quince anos o 5% dos ingresos que xere esta explotación concreta sexan destinados a proxectos relacionados coa prevención, atención, reinserción social e rehabilitación de drogodependentes. Tamén fornecerán traballo a persoas procedentes destes programas, colaborando así con proxectos de reinserción laboral. De xeito concreto, a cooperativa destaca tamén que alén dos sete empregos xa consolidados para a atención das viñas e o pazo, esta iniciativa vai xerar outros dez postos de traballo.