Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Queixa do presidente en funcións

Entre escaseza de medios persoais e materiais o TSXG vai camiño dos 150 mil casos pendentes

A memoria de 2007 recolle un aumento en máis de 8.700 expedientes pendentes de tramitar.

Redacción - 09:30 23/07/2008

A escaseza de medios persoais e materiais; a excesiva mobilidade dos xuíces, co maior nivel de rotación en todo o Estado ou o "deficiente" sistema de nomeamento de persoal interino, en especial no caso das baixas por incapacidade temporal, son os obstáculos principais sinalados este martes por Antonio González Nieto, presidente en funcións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A esa situación lle atribúe González Nieto as cifras presentadas esta semana na memoria de actividade da institución, onde no plano negativo destaca o aumento en 8.746 casos pendentes en 2007 con respecto ao ano anterior, pasando dos 135.968 asuntos pendentes en 2006 aos 144.714 ao finalizar 2007. Con todo, o informe tamén indica un aumento do número de casos resoltos, chegando a 419.127 resolucións entre os 303 xuíces, mentres que no ano anterior se resolveron 417.037.

Reclamación de máis persoal
Na súa comparecencia diante dos medios, González Nieto calculou que cando menos son necesarias nove prazas a maiores de maxistrado na sala do Contencioso-Administrativo. Tamén falou de manter un equipo de reforzo e crear tres novas prazas de maxistrados para a sala do social.

En opinión do presidente do TSXG aínda que a ratio de xuíces por cada 100 mil habitantes apareza en Galiza mesmo un chisco por riba da media estatal, debería terse en conta á hora da asignación de recursos que o país inclúe a metade dos núcleos de poboación de todo o Estado. Foi nese sentido que chamou a ter en conta todos os factores de influencia á hora de dotar de prazas a Galiza, incluída a complexidade dos asuntos, a existencia dun dereito civil propio ou a particular natureza dalgúns delitos como é no ámbito do narcotráfico e o branqueo de capitais.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: