O noso galeguismo "axuda, une e abre portas", defendeu o presidente do PPdeG durante o acto que o seu partido celebrou en Poio.
Xosé Cuíña, Xerardo Fernández Albor e Manuel Fraga foron, por esa orde, os tres persoeiros elixidos por Alberto Núñez Feijoo este venres para reivindicar o "galeguismo" do PPdeG, referíndose a eles como "adalides" do galeguismo. "Sei ben que hoxe estaría aquí celebrando este día connosco, pero estea onde estea seguro que tamén celebra a festa da súa terra, nai e señora", afirmou Núñez Feijoo, con esa última referencia a unha coñecida frase utilizada polo finado Xosé Cuíña. A continuación cualificou a Fernández Albor de "pai da Galiza moderna" e a Manuel Fraga "pai da modernidade de Galiza".
Antes, Feijoo falara xa do PpdeG como o partido, na súa opinión, impulsor do galeguismo que comparte "a maioría dos galegos". "Somos o partido que máis se parece a Galiza e os galegos", defendeu Núñez Feijoo. O líder dos populares insistiu en que o seu partido antepón os intereses "dunha Galiza que ve como as súas infraestruturas son adiadas unha e outra vez" coa "complicidade" do presidente da Xunta. Censurou tamén o apoio de Touriño ao Estatuto de Cataluña, segundo Feijoo, un texto que impón "severos límites ao exercicio da solidariedade interterritorial".
"Nós, como galeguistas que somos, sabemos que non se pode achantar sen máis cun novo sistema de financiamento autonómico, derivado das esixencias de socialistas doutras comunidades autónomas", expresou Feijoo.
A Xunta, "SGAE do galego"
"O noso galeguismo axuda, porque o poñemos ó servicio dos demáis, e non tratamos de impoñelo", engadiu o presidente do PpdeG na súa intervención, afirmando a continuación que o galeguismo do PP "une" e indicando que "a unidade é necesaria para poder sair dos momentos difíciles como son esta crise económica". "O noso galeguismo abre portas e non nos pecha sobre nós mesmos", dixo cara ao final da súa intervención.
Foi así, cando Núñez Feijoo comentou que o PpdeG "non vai permitir nunca que a Xunta se converta nunha SGAE do galego, que nos cobre un canon político por empregar o que e de todos: que é a nosa lingua, que é a nosa cultura, que é a nosa identidade. que é Galiza".