Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Equipara os caldos cos estupefacientes

Os consellos reguladores do viño estudan unha proposta conxunta contra a Lei de Drogas

Responsábeis das cinco denominacións de orixe do país rexeitan o borrador impulsado por Sanidade e presentado en plena vendima.

Redacción - 13:45 29/09/2008

Os cinco consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas reuniranse este luns para estudar unha proposta conxunta en contra do proxecto da Lei de Drogas impulsado por Sanidade. A pasada semana recibiron o novo borrador e os responsábeis da regulación do Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei amosáronse contrarios ao articulado da iniciativa lexislativa.

Dende estas entidades recordan que o viño é o primeiro produto do sector agrícola e confésanse preocupados pola equiparación que se fai del con substancias estupefacientes. Xa dende que se iniciou a modificación da lei actual, dende as denominacións defenderon que o sector ten entidade e particularidades suficientes como para que se lle aplique unha normativa específica, tal e como se viña facendo até o de agora co Estatuto da Viña, o Viño e o Alcohol.

Acusan a Sanidade de facer culpábel ao sector e de retomar a tramitación desta lei en plena vendima, época na que os bodegueiros e viticultores teñen unha maior carga de traballo, para evitar que formulen alegacións contra a medida.

Oposición á lei de drogas
O proxecto de lei xa atopou no pasado outras opinións contrarias. Entidades xuvenís, sindicatos agrarios ou o PPdeG xa teñen manifestado a súa contrariedade a incluír o viño no catálogo de drogas do país, é dicir, nunha norma que regula substancias adictivas.

Doutra banda, tamén foi criticada a criminalización que se fai, segundo diferentes colectivos, do botellón. Neste sentido xa se manifestou o Consello da Xuventude de Galiza, que recorda que esta norma non foi en absoluto dialogada.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: