Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Estudo sobre linguas minorizadas

O Consello de Europa recomenda un modelo de ensino de inmersión total en galego

No seu informe tamén critica que só haxa nove tradutores por cada nove mil procesos xudiciais e cualifica de "insatisfactoria" a situación da nosa lingua.

Redacción - 11:00 12/12/2008

Os expertos do Consello de Europa aprecian "notorios atrasos" na utilización do galego na xustiza galega. Neste eido, en concreto, critican que o Departamento Lingüístico da Xustiza conte só con "nove tradutores para máis de nove mil procedementos". Así, explican que cada proceso xudicial se ve demorado polos trámites de traducir sentenzas e documentos, polo que os propios avogados recomendan aos seus clientes empregar o español para axilizar o proceso. Doutra banda, tamén aseguran que os casos nos que se utiliza o galego son "illados" e que aqueles xuíces que optan pola nosa lingua "teñen dificultades por mor da inexistencia de textos oficiais traducidos e de programas informáticos apropiados".

Esta é unha das conclusións do informe sobre a aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), subscrita polo Estado Español en 2001. Neste mesmo campo xudicial, tamén conclúe que "os xuíces adoptan unha actitude negativa con respecto á utilización do galego nos tribunais" e sinala que apenas 10 dos 234 fiscais utilizan a nosa lingua. Neste sentido, o Consello insta ás autoridades españolas a "modificar o marco xurídico para que os procedementos poidan levarse a cabo en galego a petición dunha parte" e a que tome "as medidas necesarias para incrementar o persoal da administración que poida empregalo".

Modelo de ensino de inmersión total
No eido da educación, o Consello de Europa critica o feito de que o ensino en galego "non está amplamente dispoñíbel" tanto en primaria como en secundaria. Neste sentido, subliña que "o número de nenos de educación preescolar cubertos segue sendo moi baixo (1,3%)". Con todo, fala de avances e felicítase de medidas levadas a cabo pola Xunta como o proxecto de "Rede Galescola". Nesta liña propón que se desenvolva un modelo educativo baseado na inmersión total do galego, para aumentar a súa presenza.

Pouco interese dos monolingües
Doutra banda, o informe subliña que a poboación castelánfalante "semella non ser suficientemente consciente" do carácter multilingüe da sociedade española. O comité de expertos recomenda ás autoridades "promover as virtudes do multilingüismo e da diversidade lingüística", tanto nos grupos maioritarios como nos minoritarios. Finalmente, o informe destaca que os medios de comunicación tamén "amosan pouco interese" pola diversidade das linguas.


Ligazóns

4,74/5 (23 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: