Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANÁLISE NO TEMPO

As claves dun despropósito chamado Sogama

En Vieiros, hai case 16 meses, comezamos a desensarillar a rede de intereses inconfesábeis tecida arredor da sociedade pública e os cambios en proceso. Eis a crónica.

Redacción - 09:00 30/01/2009

A difusa fronteira entre o servizo público e os millonarios negocios privados (09/10/2007)

Vieiros publicaba unha primeira reportaxe sobre os negocios millonarios que se agochaban detrás das políticas de residuos. A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), creada en abril de 1992, precisou de inxentes recursos públicos. Mais, dende os seus inicios, Unión Fenosa (que conta co 49% do capital) foi a verdadeira dona, señora e principal beneficiada. Ampliar información

O verdadeiro negocio non é tratar o lixo, é máis rendíbel enterralo (10/10/2007)

Este xornal denuncia que o verdadeiro negocio da sociedade pública consistiu dende 1996 en acumular lixo nun macrovertedoiro cercedense. Explicámoslle as claves. Ampliar información

Salarios desorbitados e contratacións laborais escuras (11/10/2007)

Nun informe que publica o Consello de Contas pode comprobarse que os dous máximos dirixentes de Sogama (presidente e conselleiro delegado) cobraron en 2004 perto de 230 mil euros pola “boa marcha da sociedade”. O organismo de control apuntaba xa daquela a existencia de procesos de selección laboral pouco claros. Ampliar información

Análise: Sogama no quirófano (02/11/2007)

Debullamos o vello plan de residuos e alertamos da necesidade de aprender do caos ao que se chegou co modelo anterior. Ampliar información

Ábrese unha fiestra: A universidade entra nos procesos de contratación (09/03/2008)

O presidente de Sogama, Xosé Álvarez, anuncia que toma nota do informe do Consello de Contas. Por vez primeira dende 1992, órganos independentes (como a Universidade de Vigo) vixiarán os contratos da sociedade pública con empresas privadas. A polémica está servida. Ampliar información

Vieiros entrevista o presidente de Sogama: É preciso un cambio (02/08/2008)

Álvarez Díaz recoñece que é preciso reformular Sogama: “En Sogama estamos facendo unha planificación que antes non houbo”. Ampliar información

A guerra interna sae á luz (03/11/2008)


Dende a súa chegada a Sogama (no outono de 2005), o presidente bate con Unión Fenosa e cun pequeno equipo de traballadores que só responden ás ordes do conselleiro delegado (nomeado pola eléctrica). A falta de entendemento leva a que Unión Fenosa cambie até dúas veces de “home forte” na sociedade”. O pulso vén de atrás. Ampliar información

O proceso de contratación do fillo dun ex conselleiro (12/11/2008)

Xosé María Hernández Sanmamed, fillo do ex conselleiro Hernández Cochón, é unha das pezas clave na sociedade. O seu posto fixo na sociedade pública, polo que cobra máis de 72 mil euros ao ano, logrouno en 2002, logo dun proceso de selección inzado de sombras. O seu caso non é, nin moito menos un caso aillado en Sogama. Ampliar información

Vertido ao Lengüelle e treboada mediática (20/10/2008)

En outubro do ano pasado un grave vertido mata centos de troitas no río Lengüelle, ao seu paso por Cerceda. Axiña todas as miradas se dirixen ao macrovertedoiro da Areosa. Non é, nin moito menos, a primeira vez que ocorre. Os primeiros datos de contaminación importante datan xa de 2001. O vertedoiro é unha bomba de reloxería onde ao longo de doce anos chegaron máis de tres millóns de toneladas de residuos de todo o país. Ampliar información

O novo modelo pasa pola comarcalización (09/11/2008)

Un dos máis graves erros do modelo Sogama foi o de centralizar todo o tratamento de residuos nun só punto. O bipartito bota a andar unha nova Lei de Residuos que terá que estar totalmente desenvolta en 2017. A Xunta propón cinco plantas de tratamento de residuos que intenten tratar en orixe parte do lixo que agora chega a Cerceda. Adega pide máis plantas e cunha vocación máis comarcal. Ampliar información

A xustiza esta vez si que actúa (17/11/2008)


Por vez primeira, os tribunais toman nota dun vertido en Cerceda e ábrense dilixencias. As denuncias de anos atrás (impulsadas principalmente por colectivos ecoloxistas e polo BNG local) nunca prosperaron. O xuíz imputa o xefe da área técnica de Sogama a e varios directivos da empresa privada que xestiona o vertedoiro público: Danigal. Ampliar información

O presidente anuncia accións legais contra directivos de Sogama (30/12/2008)

A guerra que se libra en Sogama leva a Álvarez a anunciar unha querela por difamación contra o que el denomina “enchufados do PPdeG”. Ampliar información

Manipulación de análises e despedimentos (27/01/2009)

O presidente de Sogama e o novo conselleiro delegado deciden rescindir os contratos de dous importantes cargos, entre eles o xefe da área técnica. Consideran que estiveron manipulando analíticas de vertidos dende hai anos e remiten as probas ao xulgado. Ampliar información

Chegou a hora de levantar todas as alfombras? (28/01/2009)

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, apoia a batalla emprendida polo presidente de Sogama e promete levantar as alfombras e dar a coñecer todo o que leva acontecido dende 1992. Ampliar información


4,61/5 (36 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vista aérea das instalacións de Sogama en Cerceda
Vista aérea das instalacións de Sogama en Cerceda
O goberno Fraga aprobou en 1992 o modelo Sogama a pesar da contestación social
O goberno Fraga aprobou en 1992 o modelo Sogama a pesar da contestación social
A planta de tratamento cercedense non pode tratar máis cá metade do lixo que chega até o municipio
A planta de tratamento cercedense non pode tratar máis cá metade do lixo que chega até o municipio
Os representantes dos traballadores apoian a viraxe na política de residuos
Os representantes dos traballadores apoian a viraxe na política de residuos