Salam Fayad entregoulle ao presidente Mahmoud Abbas a súa renuncia, que "entrará en efecto inmediatamente despois da formación do Goberno de unidade nacional".
O primeiro ministro palestino, Salam Fayyad, presentou a súa dimisión para favorecer as negociacións de cara á creación dun Executivo de unidade nacional, informaron este sábado fontes próximas ao Goberno de Ramala. O Comité Executivo da OLP reunirase nas próximas horas.
A carta de renuncia, entregada ao presidente Mahmoud Abbas, "entrará en efecto inmediatamente despois da formación do Goberno nacional de consenso e, en calquera caso, non máis tarde de finais deste mes", indicou a oficina de Fayyad nun comunicado.
"Este paso vai dirixido a apoiar os esforzos de cara á formación dun Goberno de consenso nacional (...) que restaure a unidade na patria", agrega a nota. A prioridade de Fayyad é "axilizar" a creación dun Executivo que reconcilie as dúas principais formacións palestinas, Al Fatah e Hamas.
Abbas designouno primeiro ministro en xuño de 2007, logo do conflito entre as faccións. Líder do minoritario partido Terceira Vía, Fayyad está considerado un tecnócrata eficaz fortemente apoiado pola comunidade internacional.