Ao tempo critica que a prensa se encerelle novamente nese debate e non difunda as críticas de Bieito XVI á corrupción e a presión económica sobre África.
Torgal Ferreira, actual bispo das Forzas Armadas
"As persoas que están aconsellando o Papa debían ser máis cultas", expresou en Portugal esta fin de semana Januário Torgal Ferreira, bispo das Forças Armadas. "Todos saben o que eu penso sobre iso", comentou para a Agência Lusa, criticando as declaracións do Pontífice sobre o asunto. "Desde o punto de vista médico non teño ningunha dúbida en que prohibir o preservativo é consentir na morte de moitas persoas", sentenciou.
Así e todo, aproveitou para censurar que os medios de comunicación non difundisen máis o belixerante discurso que Bieito XVI lle adicou á corrupción económica que zoupa sobre o continente africano. "Explíquenme os señores xornalistas porque non lle deron destaque ao apelo do Papa contra a corrupción, branqueo de capitais, guerra e outras vergoñas en África", reprochou, laiándose de que a prensa se centrase unha vez máis na polémica dos condóns en despachase "en dúas ou tres liñas" outras claves do discurso que no eido político e económico ofreceu o Papa. Na opinión de Torgal Ferreira, os medios deberan ter aproveitado os asuntos clave introducidos polo pontífice nos seus discursos en terra africana para traer a primeiro plano outros debates.
"Nun continente onde no pasado tantos dos seus habitantes foron cruelmente raptados e levados a ultramar a traballar como escravos, o tráfico de seres humanos, especialmente de mulleres e nenos indefensos, converteuse nunha forma moderna de escravitude", expuxo Bieito XVI nunha das súas intervencións. Noutro dos seus discursos, o Papa chamou os gobernos africanos a afondaren no "respecto e fomento dos dereitos humanos, goberno transparente, un poder xudicial transparente, nunha prensa libre democracia cívica e nunha rede axeitada de escolas e hospitais". Tamén, e de xeito especial, referiuse á necesidade de "eliminar a corrupción dunha vez por todas". Así, no seu discurso diante do presidente de Angola, Bieito XVI referiuse especificamente á petición de que a comunidade internacional respecte a promesa de destinaren o 0,7% dos seus PIB para axuda ao desenvolvemento.