Dende o Goberno reiteran que foron "resultado das acusacións falsas de xenocidio" en Kosovo, e último episodio na destrución de Iugoslavia.
Houbo numerosos "danos colaterais"
Serbia conmemora este martes o 10º aniversario da campaña de 78 días de bombardeos da OTAN cun minuto de silencio e unha serie de actos en recordo dos 3.500 falecidos, entre estes 2.500 civís a consecuencia de numerosos "erros" e "vítimas colaterais.
Ningún soldado da Alianza morreu durante o ataque, levado a cabo entre o 24 de marzo e o 10 de xuño de 1999, que tamén provocou perdas estimadas de máis de 20.000 millóns de euros. Ademais, rexistráronse danos ambientais e denunciouse o efecto das bombas de acio e a munición con uranio empobrecido na saúde dos cidadáns.
O Goberno manterá unha sesión especial e as sereas que alertan dun ataque aéreo estaba previsto que soasen ao mediodía, ao tempo que o país permanecía parado e en silencio durante un minuto. Nas escolas e nos institutos tamén o horario lectivo programouse para conmemorar as vítimas.
Independencia de Kosovo
"Quero reiterar que os bombardeos foron resultado das acusacións falsas de xenocidio e limpeza étnica. O bombardeo de Serbia foi a culminación sobre a ex Iugoslavia que comezou a principios dos anos 90", declarou o viceprimeiro ministro de Serbia, Ivica Da�?ić. Ademais, sinalou que a declaración unilateral de independencia por parte de Kosovo foi unha reedición da agresión.
A provincia proclamou en febreiro de 2008 a súa independencia, que Serbia non recoñece e que foi aceptada por 56 países, entre estes os EUA e 22 membros da UE, mais non o Estado Español, así como Rusia, China e a maioría dos países latinoamericanos.
Os ataques comezaron logo fracaso das negociacións para acabar coa loita entre as forzas de Belgrado e a guerrilla separatista albanesa, UÇK (considerada unha organización terrorista polas autoridades serbias), e ante as denuncias en Occidente dunha campaña de limpeza étnica da poboación albano-kosovar.
Sondaxes en Serbia e en Kosovo
Vuk Drašković, viceprimeiro ministro da entón Iugoslavia (Serbia e Montenegro) durante os ataques, declarou que Slobodan Milošević (presidente) cría que o bombardeo acendería os sentimentos antieuropeos e antiamericanos en Serbia e acabaría cos seus rivais políticos europeístas no país.
Segundo as sondaxes, a sociedade serbia apoiaría actualmente o ingreso de Serbia na UE, mais non na OTAN. Pola súa banda, os albano-kosovares consideran na súa gran maioría que os bombardeos da OTAN axudaron na consecución da súa independencia.
Máis información: