Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
na Audiencia Provincial da Coruña

Nunca Máis e as confrarías afectadas presentan un recurso contra o auto do Prestige

O xefe de máquinas e o primeiro oficial tamén apelaron, mentres que o capitán e Esquerda Unida recorreron ao xulgado de Corcubión.

Redacción - 09:00 31/03/2009
A marea negra do Prestige chegou mesmo a Cantabria / Na imaxe, do Flickr de tabernilla, sacando chapapote na praia cántabra de Higuero

A marea negra do Prestige chegou mesmo a Cantabria / Na imaxe, do Flickr de tabernilla, sacando chapapote na praia cántabra de Higuero

A acusación particular da plataforma Nunca Máis e a Coordinadora de Confrarías Afectadas polo Prestige presentaron esta segunda feira un recurso contra o auto de instrución do caso ditado pola xuíza de Corcubión, Carmen Veiras, ante a Audiencia Provincial da Coruña.

Así o confirmou un dos avogados de Nunca Máis, Alexandre Martín, e o patrón maior da confraría d'O Grove, Franciso Iglesias, membro da Coordinadora. Ámbolos dous rexeitaron o auto emitido o pasado día 20 pola xuíza de Corcubión, que exculpa ao, naquela altura, director da Mariña Mercantes, José Luis López-Sors. Nesta liña, ámbolos dous recursos inciden en que a decisión que tomou López-Sors de afastar o barco da costa foi "a peor que se puido tomar", ademais de cualificala de "neglixente e errónea". Neste sentido, piden ante a Audiencia Provincial que se retome a imputación do único ex alto cargo que aínda, até hai nada, aparecía como responsábel da meirande catástrofe ecolóxica que viviron as costas galegas.

Así mesmo, Nunca Máis tamén solicita no seu escrito que se declare nulo o informe pericial no que se baseou a xuíza para emitir este auto, que foi elaborado polo enxeñeiro naval Santiago Martín Criado, quen, ademais, estaba na mesma xuntanza que López-Sors o 19 de novembro de 2002, día no que se aprobou o afastamento do buque.

O ditame da xuíza de Corcubión
A xuíza de Corcubión, Carmen Veiras, emitiu o pasado día 20 o auto de instrución da causa do Prestige, no que exculpaba o ex director de Mariña Mercante, López-Sors, por considerar que a decisión de afastar o barco foi "a mellor que se podía tomar", aínda que mantivo a imputación do capitán do barco, Apostolos Mangouras, así como do xefe de máquinas, Argyropoulos Nikolaos, e do primeiro oficial, Irineo Maloto.

Nesta altura teñen presentado recursos contra o auto no mesmo xulgado de Corcubión o capitán do Prestige e Esquerda Unida (EU); e na Audiencia Provincial o xefe de máquinas e o primeiro oficial.


Ligazóns

4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: