Iniciativa Empresarial do Noroeste amosou a súa decepción por non renegociar coa Comisión Europea a construción civil na planta de Fene.
A Iniciativa Empresarial do Noroeste (IEN) reprochoulle ao goberno español que "tire a toalla" na negociación para que os estaleiros de Navantia se poidan dedicar á construción civil, despois de que a Comisión Europea rexeitase reconsiderar prohibición que pesa sobre a planta de Fene.
Segundo explicaron os empresarios, o escrito remitido pola Oficina Económica do presidnete do goberno español reflicte que a cuestión foille formulada á Comisión Europea, que rexeitou renegociar a situación de Navantia, reservada ao ámbito militar até 2015.
O presidente de IEN, Manuel Pérez, censurou a actitude do executivo, pois "parece que lles a tomar o pelo aos empresarios", en referencia a que José Luis Rodríguez Zapatero se comprometeran novembro de 2008, durante un debate no Congreso, a defender a construción civil para Navantia, en resposta a unha pregunta do voceiro do BNG na Cámara Baixa, Francisco Jorquera.
"Ás veces, en política decátaste de que hai certa hipocrisía e levas unha decepción", afirmou e atribuíu o compromiso de Zapatero á proximidade das eleccións galegas do pasado 1 de marzo. O presidente da asociación dixo non entender este "conformismo e renuncia explícita a continuar coa presión", nun momento de crise e "coas necesidades que hai".
Porén, asegurou que, se o goberno español mantén as presións, contará co "apoio" dos empresarios "no que sexa" e manifestou a súa confianza en que o executivo "se dea conta" da necesidade de recuperar a actividade en Navantia cando acceda á presidencia da Unión Europea, a partir do primeiro de xaneiro de 2010.
"Estas infraestruturas están feitas para facer grandes barcos, non son para outra cousa. Hai que renegociar", resaltou e pediulle á administración española que insista na UE para que se reconsidere a prohibición, vixente ata o 31 de decembro de 2014, porque para esa data "aínda falta".