O sindicato presentou un escrito na consellaría denunciando que a consulta vulnera a Lei de Procedemento Administrativo.
Axústase a dereito a consulta que a Consellaría de Educación lle vai facer aos pais nos vindeiros días? Segundo o departamento xurídico da CIG, as enquisas vulneran a Lei de Procedemento Administrativo. Por iso, este mesmo luns o sindicato nacionalista presentou un escrito na consellaría para que se suspenda cautelarmente a consulta. Se o departamento da Xunta non atende esta petición, anuncian un recurso diante do TSXG. Porén, recoñecen que a acción xudicial non impediría as enquisas, xa que a decisión do tribunal tardaría un mínimo de seis meses.
O avogado do sindicato, Héctor López de Castro, explicou varias razóns polas que considera que as enquisas non se axustan ao procedemento administrativa. Unha delas é que a lei especifica que “a recolla de datos con fins estatísticos axustarase aos principios de segredo, transparencia, especialidade e proporcionalidade”. Para isto, establécese que “a descrición das características metodolóxicas das estatísticas para fins estatais faranse públicas e estarán, a disposición de quen as solicite”.
Dende a CIG subliñan a grave opacidade do proceso posto en marcha pola consellaría. Educación remite esta semana os formularios aos centros, estes repártenos entre os alumnos e, posteriormente, estes últimos devólvenos cubertos polos seus proxenitores. O sindicato salienta o “disparate” de poñer a nenos de catro ou cinco anos como garantes dun proceso tan importante. Tamén dubidan de que non se poidan manipular as enquisas, xa que non hai ningunha garantía do contrario.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzado, insistiu en cualificar de “trampas” os cuestionarios: “Queren lexitimar un proceso fraudulento, pretenden modificar o decreto de promoción e uso do galego aprobado polo Parlamento”. Louzao sinala que o decreto xa está sentenciado a priori: “Nós non temos ningunha dúbida de que, chegado o momento, non terían empacho en manipulalo proceso”.