O Bloque elixiu o lema 'Movámonos! Polo noso idioma, polo emprego' para unha cita na que quere dar imaxe de "ilusión, unión e fortaleza".
"O PP, á fronte da Xunta, está a levar a campaña máis agresiva contra a lingua galega nos últimos trinta anos", censurou este mércores a responsábel de Imaxe e Propaganda do BNG, Ana Pontón, durante a presentación da campaña desta formación política para o próximo Día da Patria. Pontón criticou de paso o que na súa opinión é unha "ausencia total por parte do goberno de Feijoo de medidas para facer fronte á crise económica, á destrución de postos de traballo e ao retroceso que estamos a sufrir na cobertura de servizos sociais".
Á beira estivo no mesmo acto a secretaria de Organización do BNG, Montse Prado, nun acto onde explicaron que a campaña do Bloque para o 25 de xullo estará centrada "en dúas preocupacións de gran importancia para a sociedade galega, e tamén para o BNG, como son a defensa do idioma e a defensa do emprego neste momento de crise". Prado referiuse á inclusión no cartaz da frase "Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma", do libro Sempre en Galiza, sinalando que foi unha elección "acaída nun momento no que se está a manipular a figura de Castelao". De paso, a responsábel de Organización da fronte nacionalista apuntou que a defensa da lingua "vai unida á defensa dun maior peso político para Galiza e á defensa da nosa economía". Ao fío, laiouse de que "a negativa de Feijoo a que Galiza contara cun Estatuto de Nación fai que teñamos moito menor peso político no debate sobre o financiamento autonómico".