Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PEDRO ALONSO, voceiro de CAUSA GALIZA

"A masa social soberanista non se debe organizar en compartimentos estancos"

Ao remate da manifestación a prol da soberanía nacional, a plataforma organiza un amplo abano de actividades no compostelán parque de Belvís.

Isabel G. Couso - 13:45 24/07/2009

A reivindicación e a protesta, que se desenvolverá en Santiago de Compostela baixo o lema "Soberanía nacional contra a crise do capital", deixará paso aos actos lúdico-festivos. Este é o programa que ten previsto Causa Galiza para a celebración do 25 de xullo, unha xornada na que, segundo nos explica Pedro Alonso, "a festa será o complemento da manifestación".

O compostelán parque de Belvís acollerá un amplo abano de actividades, unha vez rematado o xantar popular, logo da manifestación. Haberá unha festa do deporte, presentación de libros, actividades para nenos e nenas, exposicións, xogos populares ou música. No espazo deportivo, celebrase un Open de Billarda, no que poderán tomar parte todos os interesados; un partido de fútbol que enfrontará a Siareiros galegos e Causa Galiza; ou unha exhibición de esgrima antiga. No ámbito cultural, haberá presentacións literarias, coas últimas obras de autores como Patricia A. Janeiro ou Mauricio Castro; e debates. E finalmente, no espazo infantil haberá actividades para os máis pequenos como globoflexia ou xogos populares. Non faltarán tampouco outras actividades lúdicas, como unha foliada ou a saída do pasarrúas reivindicativo do Foro da Mocidade pola lingua.

As expectativas da organización é que se sumen a estas actividades entre unhas 300 e 500 persoas, se ben Alonso subliña que "dependerá en grande medida da meteoroloxía". No segundo ano de actos festivos deste tipo, Causa Galiza "busca artellar para o día da Patria un espazo duradeiro de convivencia que afiance aínda máis a cohesión entre a base social soberanista".

Arelas de cohesión
Precisamente sobre a capacidade de incidencia na política do país que poida ter a organización Causa Galiza, que aglutina a entidades tan diferentes como a Frente Popular Galega, Movemento pola Base, Nós-Unidade Popular ou o Partido Comunista do Povo Galego, preguntámoslle a Pedro Alonso. "Estamos aínda nunha fase inicial", explica, "precisamos madurar como organización, se ben o noso obxectivo é incidir con profundidade no tecido sociolóxico do país e impulsar un proxecto sensato de soberanismo". Con todo, asegura que "os atrancos son moi grandes e nesta fase o que queremos é socializar a petición do dereito de autodeterminación para Galiza, de xeito que exista unha ampla contestación á reforma estatutaria se se aproba en termos de dependencia do Estado Español".

Con todo, a organización desta terceira manifestación no Día da Patria pon de manifesto unha certa consolidación do proxecto que defende Causa Galiza, unha defensa soberanista que non entenden como exclusiva: "non concibimos a esquerda do país como compartimentos estancos, a masa social soberanista e o nacionalismo debe estabelecer vasos comunicantes", explica Alonso. Neste sentido, subliña que "malia que moitos colectivos teñen unha forma e volume determinados, cremos que debe haber un contacto e unha cooperación mutua na defensa dos intereses do país".

Nesta liña, Alonso xa adianta que dende Causa Galiza tentarán manter contactos coas demais organizacións políticas: "a partir de setembro esa é a nosa intención", di, "temos a necesidade de tirar xuntos mentres a autodeterminación non sexa convenientemente recoñecida polo Estado Español".


4,73/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: