A tradicional manifestación convocada polo Bloque trae neste 2009 a estrea como orador na Praza da Quintana do novo voceiro nacional, Guillerme Vázquez.
"Movámonos polo noso idioma e polo emprego". Tal é o lema principal que chega nos cartaces do BNG para a cita nacional deste 25 de xullo en Santiago de Compostela.
"Este ano máis que nunca é preciso que todos e todas nos mobilicemos para defender o país das agresións que acotío perpetra contra a nosa lingua e a nosa identidade o goberno de Núñez Feijoo", advertiu o voceiro nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, na presentación oficial da convocatoria. "Urxe unha resposta masiva para contestar as políticas antisociais e contrarias ao idioma galego do PP de Feijoo", subliñou Vázquez, "como tamén urxe defender que o noso país non perda status político e que non se consagre o seu descenso á Segunda División do Estado".
A manifestación sairá ás 12 horas da Alameda de Compostela e marchará até a Praza da Quintana. Aló, presentará o acto a coordenadora da Executiva, Teresa Táboas, e intervirán en primeiro lugar Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova, e posteriormente Guillerme Vázquez, voceiro nacional do BNG.
Dúas ducias de delegacións internacionais
Convidados polo BNG ao seu acto polo 25 de xullo, acudirán á capital do país delegacións políticas chegadas de Cataluña, Euskadi, Portugal, Cuba, Venezuela, Palestina ou a República Saharauí, entre outras.
De xeito concreto confirmaron presenza desde Cataluña representantes da CDC, Carles Llorens, ERC, Marta Rovira e Oriol Junqueras, e UDC, Francesc Arcs. De Euskadi achéganse a Compostela membros do PNV, Joseba Zubía e Iñaki Anasagasti, de EA, Maiorga Ramire e Sebastian Colio, de Nafarroa Bai, Koldo Amezketa e Txentxo Jiménez, e de Aralar, Iñaki Aldecoa. Tamén hai representación de Coalición Canaria, Alfredo Belda Quintana, da Chunta Aragonesista, Gregorio Briz, do Bloc Nacionalista Valenciá, Alicia Izquierdo, do Partit Socialista de Mallorca, Magí Moranta e Lucy Jane Collyer, e de Unió Mallorquina, María José Rodríguez. Ademais, estarán representando o Partido do Bierzo, Iván Alonso e Javier Martínez Rodríguez.
Desde Portugal acoden membros do Partido Comunista Portugués e do Bloco de Esquerda. Da República do Sáhara virán representantes da delegación saharauí para Galiza. En representación de Cuba, acudirá o Cónsul Xeral de Cuba na Galiza. E de Venezuela virá a Cónsul Xeral da República Bolivariana de Venezuela en Galiza. En representación de Palestina virá o membro do Secretariado de Relacións Internacionais da Fronte Popconfirmou presenza, e entre outros virán tamén á festa do país membros da Unión Democrática Bretona e o Partido Compatriota Pueblo Mapuche-Wallmapuwen.