Santiago acolle unha exposición que denuncia a situación de violencia e escravitude á que se ven expostas as mulleres prostituídas.
Cada ano, preto de catro millóns de mulleres e nenas son incorporadas á prostitución
Nin doada nin alegre é a vida das mulleres que exercen a prostitución. Sobre estas mulleres, ás que a sociedade lle atribuíu paragóxica e cruelmente unha "vida alegre" versa unha mostra que a partir desta semana se pode visitar en Santiago de Compostela e que foi cedida á Secretaría Xeral de Igualdade por Médicos do Mundo.
Mulleres como María José, nacida en Cartaxena de Indias (Colombia), licenciada en Dereito e Educación Física; como Andrea, checa diplomada en Turismo pola Universidade de Praga; como Puri, unha ourensá empresaria da hostalería; ou como Hellen, que cala, por medo, os seus antecedentes persoais. Elas son o exemplo dos catro millóns de mulleres e nenas que, cada ano, son incorporadas á prostitución no mundo.
Mais os datos sobre os que alerta, visualmente, Médicos do Mundo non rematan aquí. Este colectivo chama a atención sobre a situación de explotación sexual na que viven estas mulleres, unhas 400 mil no Estado Español, no que este "negocio" move 18 mil millóns de euros anuais. Ademais, un 90% son mulleres inmigrantes, fundamentalmente de América Latina, Europa Oriental e África. A outra cara desta forma de escravitude encárnana os homes, os clientes: case un de cada tres enquisados recoñece ter pagado algunha mez por manter relacións sexuais.
"Mulleres de vida alegre" pode visitarse até o vindeiro 30 de setembro no centro comercial Área Central, en Santiago de Compostela.