Díaz Ferrán pediu "austeridade" nas administracións estatal, autonómicas e locais, aínda que exixiu reducir o Imposto de Sociedades.
Gerardo Díaz Ferrán
O presidente da CEOE, Gerardo Díaz Ferrán, amosou a súa oposición a calquera suba de impostos, agás a eliminación da dedución dos 400 euros. O responsábel da patronal española trasladoulle á vicepresidenta económica que a solución para sanear as contas públicas exixe "austeridade" nas administracións, comezando por non realizar ningunha oferta pública de emprego en 2010.
Despois de manter unha reunión con Elena Salgado, Díaz Ferrán confirmou que o goberno español pretende incrementar o gravame nas rendas do aforro e "baralla" subir o IVE, aínda que non concretou en que medida. Si deixou claro, porén, que "non subirá o IRPF".
En calquera caso, a CEOE aínda non dá a cuestión por pechada e prefire agardar ao trámite parlamentario da Lei de Presupostos. Díaz Ferrán aseguró que, polo exposto por Salgado, prevese unha redución "a máis da metade" dos incentivos aos sectores económicos.
Díaz Ferrán amosou claramente a súa "oposición a calquera suba de impostos", especialmente no que se refire ao IVE, porque tería un efecto "preocupante" sobre o consumo e a competitivade e sería "moi grave" en sectores como o turismo ou o comercio. Pola contra, considerou axeitado rebaixar o Imposto de Sociedades "a todas as empresas" e primar os reinvestimentos.
Como alternativa á suba de impostos, o presidente da CEOE propuxo reducir aínda máis o gasto público, por considerar que as previsións sobre as que se están a construír as conta son demasiado "optimistas" e porque, por non se acometer a reforma laboral que demanda a patronal, o gasto social dispararase.
A austeridade solicitada pola CEOE esténdese ás comunidades autónomas e aos concellos, que concentrarán a metade do gasto público total no ano 2010. Tamén avogou por que "non debería haber unha Oferta de Emprego Público en 2010", porque "igual que todas as empresas e familias se apertan o cinto, é un ano para non cubrir baixas".