O estadounidense Obama, o francés Sarkozy e o británico Brown ameazan o goberno iraniano "con sancións máis severas".
Irán xa conta cunha planta en Natanz
O presidente dos EUA, Barack Obama, o de Francia, Nicolás Sarkozy, e o primeiro ministro británico, Gordon Brown, criticaron con dureza o goberno de Irán por construír, "en segredo", unha nova planta -conta xa con outras instalacións en Natanz- para o enriquecemento de uranio.
A intervención conxunta dos tres mandatarios produciuse este venres pouco antes do inicio da cimeira do G-20 en Pittsburgh (EUA). Pouco antes da declaración coñeceuse que Irán enviara unha carta á Axencia Internacional de Enerxía Atómica (IAEA) o luns, revelando a existencia da planta.
Obama asegurou que a planta se estivo construíndo durante anos, o que "remarca a continua falta de vontade de Irán para cumprir coas súas obrigas segundo os requirimentos do Consello de Seguridade da ONU e da AIEA".
"Agardamos que a AIEA investigue de inmediato esta perturbadora información", agregou. Irán ten dereito a un programa nuclear con fins civís, mais o tamaño desta nova planta "non se corresponde cos seus supostos fins pacíficos", sinalou Obama.
Pola súa banda Sarkozy dixo que se para o mes do Nadal non había unha profunda mudanza por parte dos líderes iranianos, a comunidade internacional tería que impor sancións máis severas. Irán arrastrou a comunidade internacional cara á unha "senda perigosa", dixo.
Gordon Brown coincidiu co francés na posibilidade de incrementar as sancións e acusou Teherán de "enganar" a comunidade internacional, que "debe debuxar unha liña infranqueábel nas súas relacións con Irán". O goberno de Mahmoud Ahmadinejad, advertiu, debe abandonar toda ambición nuclear con fins militares.
Conversas previas e vindeiras
A intervención de Obama, Sarkozy e Brown chega un día despois de que o Consello de Seguridade da ONU aprobase unha resolución a prol do progresivo desarme nuclear, unha iniciativa interpretada como nova medida de presión ao goberno iraniano.
O 1 de outubro está previsto que dean comezo en Xenebra (Suíza) conversas sobre o programa nuclear iraniano entre Irán e os cinco membros permanentes do Consello -China, Estados Unidos, Francia, Reino Unido e Rusia-, todos eles con bombas atómicas, e máis Alemaña.