A convocatoria, secundada pola asociación conservadora e maioritaria na carreira xudicial APM, protestou contra a insuficiencia de medios no seu exercicio.
Unha das queixas dos convocantes é a falta de medios humanos e materiais para afrontar o seu traballo
A Asociación Profesional da Maxistratura (APM) cualificou como un "rotundo éxito" a celebración da folga de xuíces convocada para este xoves e que contou cun 32% de seguimento en Galiza, segundo recoñeceu o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG). Con todo, o presidente desta formación, Antonio Piña, asegurou que a participación foi superior, até chegar a un 50%, e explicou que nos datos do alto tribunal inclúense, ademais dos xuíces titulares en activo, ao persoal de permiso e ao que realiza substitucións.
En calquera caso, a folga obrigou a suspender 84 sinalamentos e actuacións xudiciais en Galiza. En definitiva 93 xuíces sumáronse á convocatoria en Galiza, onde hai 318 prazas xudiciais e 293 maxistrados titulares en activo. Na provincia da Coruña o paro tivo un seguimento do 43% (59 dos 137 xuíces); na de Ourense, un 42,2% (14 de 33); na de Pontevedra, o 13,6% (13 de 95); e en Lugo, un 25% (sete de 28).
Demandas
Piña subliñou que o seguimento desta convocatoria foi similar ao da celebrada o 18 de febreiro, cando fora secundada por un 36% da xudicatura, segundo a estimación tamén do Tribunal Superior de Xustiza. Recordou que as demandas do colectivo xiran en torno á demanda de máis medios humanos e materiais para o exercicio da súa profesión. Así, falou do "insuficiente incremento do número de xuíces, que non chega a cubrir o número de substitutos, o escaso gasto nos orzamentos para o sistema xudicial ou a carencia de programas informáticos".
Sobre as críticas recibidas por facer esta convocatoria cando está en marcha un novo plan xudicial por parte do goberno do Estado, Piña asegurou que estas modificacións "non son máis que un plan de marketing que non ofrece ningunha solución real aos problemas que ten a Xustiza en Galiza e no Estado Español".