Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN NA PEDRERA, "Maillol", ATÉ O 31 DE XANEIRO

Harmonía silenciosa para que xermole a beleza esencial

Entre dous séculos, e no medio de todas as vangardas, o escultor Aristide Maillol defende a formas sinxelas para plasmar ideas en bronce e mármore. Que teñen as obras de Maillol que difiren das de Rodin?

Lito Caramés - 22:15 30/11/2009

Na Pedrera vén de abrirse a mostra Maillol unha ampla escolma de máis de cen pezas non só de escultura (polo que é coñecido) senón tamén pinturas, debuxos, tapices e cerámica de Aristide Maillol (1861-1944), artista que renovou a linguaxe formal da arte estatuaria do pasado século. A exposición organízase en colaboración co Musée Maillol de París.

Pinturas e tapicerías da man de Gauguin e de Puvis de Chavannes.

Aristide Maillol quería ser pintor e con esa idea marchou a París. Alí non deu atopado o que buscaba, aínda que coñeceu a obra de Gauguin coas súas propostas primitivistas, causándolle unha fonda impresión que orientou toda a súa creación; influencias que ben se ven en moitas das pinturas que agora están na Pedrera (A Onda, 1891, Dúas mozas, 1891).Tamén se fixo amigo dos nabís, un grupo de pintores que trataban de superar o impresionismo por vieiros exóticos e simbolistas. Decepcionado da pintura e mais de París volve ao Rosellón natal (Banyuls de la Marenda) e alí comeza a traballar a tapicería, con tanto éxito que chegou a ter un taller propio. En pezas de la como A Bañista (1899) ou Concerto Campestre (1895) é doado observar as querenzas dos seus amigos os nabís e simbolistas, especialmente de Puvis de Chavannes, de quen adoptará a proposta de crear en síntese.

O máis grande escultor francés”.

Xa grande, Aristide Maillol atopa o que busca: a escultura. Comeza con relevos en madeira e figuras de pequeno tamaño que cada vez libéranse máis dos soportes, ganan en movemento e fanse exentas (as máis das veces traballa sen modelo). A entrada de Maillol no mundo escultórico sucede coa presentación da súa peza Mediterrània (1905). Foi todo un acontecemento en París e dela escribiu André Gide: “É unha obra silenciosa. Atrás queda o 'clamor patético' de Rodin... Creo que hai que recuar moito para atopar un desinterese tan absoluto por todo aquilo que poida desviar a atención da simple manifestación da beleza”. Esta obra (Mediterrània) ábrelle moitas portas no panorama artístico da pre-Gran Guerra. O outro pulo veulle da súa amizade co conde alemán (diplomático e coleccionista de arte) Harry Kessler. Maillol, illado das vangardas, segue o camiño da simplificación de formas para “buscar ideas” (nas súas propias verbas), e chega ás esencias formais tratando a materia como se tivese vida interior. Iso lévao, por exemplo, a crear corpos reducidos ao torso, espazo onde se concentra toda a enerxía do ser humano. Nesta orientación, Maillol chega preto das formas propias do arcaísmo grego (kouros) e do primeiro clasicismo, e permanece neses eidos onde o estatismo é vieiro de coñecemento e de aproximación á transcendencia. Buscou a expresión perpetua, entre o misticismo e a erótica mediterránea. Auguste Rodin chegou a dicir del que era “o máis grande escultor francés” e “o que ten de admirable Maillol, e de eterno, (...) é a pureza, a claridade, a limpeza do seu oficio e do seu pensamento”. As súas pescudas esencialistas seguiranas outros escultores do pasado século como Henri Moore ou Jean Arp.

Rodin versus Maillol.

Auguste Rodin é o escultor do movemento, das impresións da luz sobre as superficies matéricas que o artista escarza e retorce para provocar efectos dinámicos (Hai anos púidose ver en Caixaforum unha excelente mostra das súas obras). Maillol, por contra, busca liñas primarias nos estatismos, e transita por eidos que só se atopan cando os artistas se enfrontan á divindade (Exipto, arcaísmos gregos, románico, Bizancio). Por tanto Rodin e mais Maillol non competiron esteticamente. Pero hai dúas obras que parecen aproximalos na temática e mais nos tratamentos dados. No ano 1899, xusto para despedir o século (ou para recibir o novo) Rodin esculpiu unha obra magnífica e inquietante, L'homme qui marche: unha figura masculina, sen cabeza nin brazos que camiña apurado, contorsionado, quizais atolado, quizais seguro. Anos máis tarde, Maillol esculpe a monumental L'accion enchaînée (1907): figura feminina con actitude similar á de Rodin, un encargo para o monumento ao revolucionario Blanqui. A pesar das diferenzas é evidente que unha corrente de forza e tensión emotiva percorre as dúas pezas, do mesmo xeito que tivo que conmover aos seus creadores. A de Rodin é anterior, e o desacougo do espectador diante da súa obra ancora no corpo tan mutilado que quere avanzar, a de Maillol transmite máis seguridade e está preto daquela liberdade que pintara Delacroix.

EXPOSICIÓN: Maillol.

La Pedrera, Provença, 265 (Barcelona).

Horario: todos os días, de 10 a 20 horas.

Entrada de balde.

Visitas comentadas de balde, de luns a venres ás 18 horas.

Até o 31 de xaneiro de 2010.


2/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Torso". Bronce, 1918
"Torso". Bronce, 1918
"Dina de costas". Debuxo, 1941
"Dina de costas". Debuxo, 1941
"Mediterrània". Bronce, 1905
"Mediterrània". Bronce, 1905
"Río". Bronce, 1938
"Río". Bronce, 1938
"Venus". Bronce, 1918
"Venus". Bronce, 1918
"Estacións". Bronce, 1910-11
"Estacións". Bronce, 1910-11