Delegados da CIG maniféstanse para denunciar a privatización do servizo público, amáis do desmantelamento das oficinas de I+B e o despedimento dos seus traballadores.
Imaxe dunha manifestación anterior
"O anuncio da privatización dos centros de día supón unha involución, nun país que xa estaba á cola do Estado Español en cobertura de servizos públicos". Así fala Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino. Delegadas e delegados sindicais no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar concentráronse este xoves diante do edificio para denunciar "a súa privatización, anunciada xa nos 14 centros de día que se van pór en marcha mediante concesións".
Ademais, denuncian o progresivo desmantelamento das oficinas de I+B e o despedimento dos seus 61 traballadores. Demandan a inclusión nos orzamentos da Xunta das partidas necesarias para poder manter estes postos de traballo e o servizo que prestan. Na mesma liña, piden a "celebración dos procesos selectivos de persoal xa convocados e coas bases aprobadas e publicadas e a resolución de todas as irregularidades que se están a dar na actualidade", entre as que nomean "a xestión das listaxes, as substitucións ou a cobertura de baixas".
Finalmente, os traballadores exixen a aplicación inmediata do seu convenio colectivo, asinado entre o propio Consorcio e as organizacións sindicais e ratificado polos catro comités de empresa. Louzao denunciou que Feijoo "está impoñendo as súas receitas neoliberais a custo dos usuarios destes servizos, que non poden estar xestionados en función da obtención de beneficios, senón en función das necesidades dos seus usuarios".