Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Viaxe de Feijoo a Brasil, Arxentina e Uruguai

Convite a un lobby galaico-brasileiro e promesa de voto en urna

O presidente da Xunta reivindica voto en urna, promete "dereitos sanitarios" e propón que os centros galegos se unan nun "lobby único".

Redacción / EP - 13:05 04/12/2009

Alberto Núñez Feijoo viaxara xa á outra beira do Atlántico á volta das pasadas eleccións do 1 de marzo, mais daquela aínda non estaba oficialmente investido como presidente da Xunta. Xa que logo, é esta a súa primeira viaxe oficial ao outro lado do océano: a cidade brasileira de Salvador de Bahía deica este venres, Bos Aires entre o 5 e o 7 de decembro e Montevideo do 7 ao martes 8.

"Canto máis falen entre si os centros de Salvador e presenten proxectos únicos, e máis falen cos centros de São Paulo e doutras capitais da nación brasileira, máis potencia teredes", afirmou Núñez Feijoo durante a súa visita ao Centro Espanhol. "Seguro que vós non discutides de que concello sodes, nin a que provincia pertencedes", continuou, para reivindicar, o tempo, a "unidade" de todos os galegos, con independencia de onde vivan. "Queremos unha Galiza global", dixo ao tempo que facía un chamamento aos centros galegos a "unirse" para forxar "un lobby único" dentro dun "grande país" co que gañar "potencia" a prol de Galiza.

Doutra volta, comentou Feijoo que "non se entendería" un Estado de 14 millóns de persoas como Salvador de Baía sen os seus integrantes galegos, como "tampouco se podería entender Galiza sen España". Como non imos estar orgullosos da nación de España? Como iso vai resultar incompatíbel co sentimento de exercer como galego?", preguntou Feijoo. De paso, agradeceu a concesión do título de Cidadán Bahiano. “Veño a agradecer formalmente á Asemblea Xeral do Estado de Bahía o título e veño a agradecer e a recoñecer que quen consegue realmente ese título son os 30 mil galegos bahianos, que foron os que instaron o parlamento a este recoñecemento, que non é a unha persoa se non que é a Galiza, e neste caso a quen ocupa a presidencia de Galiza neste momento", indicou.

Voto "occidental"

Por outra parte, o presidente da Xunta destacou ao respecto desta viaxe, a importancia de "incidir na igualdade de dereitos sanitarios e sociais para a diáspora", pero "tamén equiparar" os seus dereitos no apartado político. Insistiu Feijoo na necesidade de reformar a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg) para que os cidadáns galegos no exterior poidan exercer o seu dereito a voto "occidental", é dicir, nunha "urna de cristal" acorde cunha "democracia consolidada".



De feito, Feijoo recibirá en Montevideo, e de man do Consello das Comunidades Galegas no Exterior, un documento onde se subliña esa demanda do voto en urna e se reclama a depuración do censo de residentes ausentes (CERA). O devandito documento avoga por frear "de inmediato" a polémica xerada en torno ao dereito dos emigrantes a participar nos distintos procesos electorais e apunta como única posibilidade para logralo que se garanta "a transparencia" para axustarse á premisa democrática de "cada persoa, un voto".

"Lingua que nos une"
"Quero iniciar a miña intervención cunha lingua viaxeira que nos une, cunha lingua mariñeira, atlántica, con sabor a sal, que vencella as dúas beiras do Atlántico, e que garda lembranzas comúns de brasileiros e galegos", comentou Feijoo durante a recepción do título honorífico en calidade de presidente da Xunta.

"Moitos galegos espertaron en América, en Brasil, en Salvador: aquí demostraron a súa valía, a súa tenacidade, a súa entrega e a súa fidelidade á terra que os acollía", afirmou o presidente, "o renacemento de Galiza iniciouse aquí: en cidades como esta, alzouse un grito silencioso de miles de galegos que dicían si é posíbel, e esa forza vital retornou ao noso país e alí logrou xerminar no que Galiza é hoxe: unha sociedade moderna".


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: