En poucos días coincide o voto a prol da acumulación de privilexios para os altos cargos coa privatización dos centros de día e recortes varios en servizos sociais.
Suso Seixo, secretario xeral da CIG
"Obvian a realidade dun país onde os salarios da maioría dos traballadores se sitúan por baixo da cantidade que, só en concepto de complemento de destino, recibe un director xeral", quéixase o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, quen esta semana defendeu no Parlamento a Iniciativa Lexislativa Popular contra o plus de altos cargos. Analiza Seixo que o acontecido, cos votos de PP e PSOE, é claro exemplo da "escasa conciencia social" demostrada polo Parlamento xa coa aprobación da disposición adicional que abriu ese burato e agora coa negativa a corrixila.
Insiste a CIG en censurar que se frease unha iniciativa lexislativa cidadá que pretendía introducir "elementos de racionalidade, xustiza social e austeridade" na regulación legal das retribucións dos funcionarios que desempeñaron altos cargos. Unha negativa dos deputados de PP e PSOE máis paradoxal aínda nun contexto onde os deputados a miúdo introducen nos seus discursos reiteradas apelacións á necesidade de "austeridade" na actual conxuntura de crise económica.
Nun contexto de ataque aos servizos sociais
O peche de filas en favor desta "acumulación de privilexios" para os altos cargos funcionarios das formacións políticas contrasta coa estatística que mantén Galiza cos indicadores de salarios máis baixos, pensións máis reducidas e significativas carencias en infraestruturas e servizos sociais.
Recordan desde a CIG que o fracaso desta ILP coincide no tempo coa confirmación de polémicas medidas para as que, paradoxalmente, se invoca ese suposto principio de austeridade. Lembran así o escaso incremento salarial, 0,3%, dos empregados públicos malia que máis da metade teñen salarios por baixo dos mil euros, a suspensión dos acordos retributivos pactados co persoal estatutario do Sergas, redución dos orzamentos de Educación nun 0,9%, a liquidación do sistema de gratuidade dos libros de texto; o desmantelamento das oficinas de I+B, os despedimentos dos centros públicos de I+D ou a privatización dos centros de día.
Actuacións todas que "degradan e desmantelan os servizos públicos en ámbitos tan relevantes como a administración xeral, a educación, a sanidade, a asistencia social e a innovación científica e tecnolóxica", quéixase o sindicato. De forma concreta, a privatización dos centros de día foi defendida este mesmo xoves no Parlamento polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen argumentou que gañarán en "calidade e eficiencia" escatimando "burocracia". Afirmacións que foron criticadas desde os bancos da oposición polo voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, censurando que o Goberno "malvende a empresas privadas o patrimonio construído cos cartos de todos os galegos".