A RAG busca un gran consenso para o relevo de Xosé Ramón Barreiro. Polo de agora, só Méndez Ferrín deu un paso adiante anunciando que aspira á presidencia.
A Real Academia Galega busca presidente. Logo de concluír o seu segundo mandato, Xosé Ramón Barreiro cesará este venres. A partir dese momento ábrese un período electoral que rematará, a máis tardar, a mediados de marzo. Antes desa data, do vello edificio da rúa Tabernas da Coruña sairá a fumata branca. Os 27 académicos numerarios decidirán quen será o 'primus inter pares'. Mentres, o actual secretario, o profesor Manuel González, será o presidente en funcións.
Na Academia non queren aparcar as tarefas. O propio secretario recoñece que vai traballar para que a institución conte cun novo presidente antes do 15 de febreiro: “A miña idea é que o proceso sexa o máis breve posíbel, que haxa unha reflexión pero que a interinidade non se alongue no tempo”, subliña González, que terá que medir nas vindeiras semanas o posicionamento de cada académico.
Os focos céntrase en Xosé Luís Méndez Ferrín. O prestixioso escritor envioulle unha carta ao resto dos académicos para anunciar a súa intención de suceder a Barreiro. Agora, tres membros da Academia terán que avalar formalmente a súa candidatura. O paso adiante desatou a treboada. Por vez primeira na historia, a cabeza visíbel desta institución centenaria pode ser unha das principais figuras da esquerda nacionalista.
E eis o principal atranco ao que terá que facer fronte Ferrín. Case ninguén discute que é unha das pólas máis vizosas que deu a Literatura Galega no último medio século, nin o seu inequívoco compromiso con Galiza e coa lingua do país. Mais a súa histórica militancia política no independentismo bate cos sectores máis conservadores.
“O sentido institucional de Ferrín é irreprochábel”
O catedrático Francisco Fernández Rei é un dos académicos que non dubida en defender contra vento e marea a idoneidade do autor de Con pólvora e magnolias: “O sentido institucional de Ferrín na Academia, tanto dentro como fóra, é irreprochábel. Eu non dubido o máis mínimo de que vai ser unha persoa integradora”. O filólogo de Cambados matiza que “hai moitos académicos que poden representar a institución” pero, ao momento, volve facer fincapé nos méritos do “maior escritor vivo”.
Membro da Real Academia dende o ano 2000, Fernández Rei dá por seguro que a institución vai manter a súa autonomía fronte a unha hipotética presión política: “Vivín toda a etapa de don Paco (Fernández del Riego) e a de Barreiro. Non sei se hai ou non presións, o que si podo dicir é que a Academia se comportou cunha independencia absoluta, estivese quen estivese no poder. A proba é que con Manuel Fraga gobernando dedicóuselle o Día das Letras a Blanco Torres e a Avilés de Taramancos, gustase isto ou non”.
Unha Academia unida para tempos duros
Aínda que polo de agora as maiores críticas a Ferrín chegaron en forma de artigo de opinión xornalística, o certo é que na Academia son conscientes de que á Xunta lle gustaría un candidato cun perfil radicalmente distinto. O choque entre a RAG e un executivo disposto a desfacer políticas de normalización lingüística semella inevitábel. O primeiro aviso foi o manifesto que a Academia deu a coñecer en maio, e no que a institución comezaba a mostrar a súa preocupación polos primeiros pasos do Goberno con respecto á lingua. En setembro chegou o segundo sismo. Nun acto oficial en Celanova, Xosé Ramón Barreiro deixou estupefacto a Feijoo: “A primeira obriga que teñen os poderes públicos é fomentar o sosego, a paz e a tranquilidade e non crear problemas sobre estes e outros puntos”.
O secretario da RAG fala con prudencia. Mais a través das palabras de Manuel González pódese ver con claridade o momento histórico que vive a institución: “A min non me escandaliza que haxa varias candidaturas, aquí hai un proceso democrático. O que é desexábel é que a candidatura que presente o presidente teña un apoio moi maioritario. Nestes momentos que estamos vivindo necesítase, diante de todo, moita unión. Sería moi perigosa unha fragmentación cando vai haber que tomar decisións moi importantes”.
Para González, ao igual que para outros académicos consultados, tan importante ou máis cá figura do presidente é a Comisión Executiva que o acompaña e aí é onde hai que tecer os consensos e integrar as diferentes sensibilidades ideolóxicas da Academia. Esta dirección terá que xestionar uns meses que se adiviñan máis que conflitivos. Coa Academia apurando a súa intineridade, chega o terceiro sismo: o novo decreto lingüístico para o ensino.