La Nuestra, Ir Indo, Buenas Ideas en Acción, a Oficina de Software Libre da USC, Fausto Deseño, Continental, Imaxín, NEO, Teimas Desenvovelvemento e Vindeira foron os agraciados.
A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) entregou este mércores os seus premios anuais, nun acto que tivo lugar no Auditorio de Galicia, en Compostela. Das 135 empresas e entidades que concorreron en 221 candidaturas, só 10 resultaron premiadas.
Na categoría Publicidade Online recibiu o galardón La Nuestra Comunicación Publicitaria, empresa con sede en Oleiros, pola campaña de prevención de riscos laborais "Movemento contra a Lei de Murphy". A mellor Aplicación Online foi para o dicionario Digalego, posto en marcha pola editorial viguesa Ir Indo.
En Comercio Electrónico resultou premiada a web Planetapluton.com, posta en marcha por Buenas Ideas en Acción, pola súa especialización en produtos non dispoñíbeis noutros comercios. A iniciativa a prol do Software Libre foi para a Oficina da USC dedicada a ese tema. O premio Comunicación Web recaeu en Fausto Deseño Asociados, por "Universo Galimatías".
Continental, e o seu videoxogo Evento Ligado á Extinción, mereceu o premio Cultura Dixital, mentres o de Mellor Ambiente Laboral foi para Imaxín Software, de Compostela. O galardón Tecnoloxía Accesíbel levouno NEO, con sede na Coruña, polo seu videotradutor virtual Bildo, a Comunicación Universal.
O premio E-Emprendedores foi para Teimas Desenvolvemento, que está a desenvolver a plataforma de xestión Teixo para as empresas implicadas na xestión de residuos. Por último, a Plataforma Vindeira foi agraciada co preio especial Eganet polo seu obxectivo de producir sinerxías entre os axentes relacionados coas TIC.
A gala abriuna a presidenta de Eganet, Beatriz Legerén, e pechouna Víctor López, membro da directiva, quen pediu no seu discurso a todos os axentes, en especial ás administracións públicas, que fixen a súa atención no sector TIC galego á hora de planificar e xestionar as políticas sectoriais. Así, recomendou a inmediata implantación da e-Administración, para o que ofreceu toda a colaboración necesaria por parte de Eganet.