135 empresas e entidades optan aos galardóns galegos das novas tecnoloxías. Nalgunhas categorías acádanse os 50 candidatos.
A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) pechou o prazo de recepción de candidaturas aos seus premios anuais cunha nova marca. Un total de 135 empresas e entidades compiten, a través de 221 candidaturas, aos Premios Eganet. O ano pasado foran 74 entidades con 182 candidaturas.
Este ano serán nove as categorías, ás que se lles engade o Premio Especial Eganet, que a entidade lle concede á entidade ou personalidade que máis se esforzase en impulsar a realidade galega na internet e a promocionar as novas tecnoloxías.
De todas as modalidades, as que recibiron un meirande número de candidaturas foron a de Comunicación Web e E-Commerce, con medio cento de aspirantes. A gala de entrega dos premios será o 16 de decembro no Auditorio de Galicia, en Compostela, onde se darán a coñecer os nomes das persoas gañadoras.