A piques de rematar, a Confraría de Pescadores de Foz acolle a terceira e última volta da exposición A Memoria do Mar.
Retrato do "Tío Mardomingos" - A Guarda
Dende o pasado mes de xuño a exposición A Memoria do Mar anda percorrendo as diferentes vilas costeiras do país ofrecendo unha ampla recolleita de imaxes tirada dos albumes familiares e que teñen un importante nexo común: a auga salgada. Agora Foz acollerá a terceira e última volta desta mostra, a que se enmarca no bloque temático O mar mirado. Despois, viaxará ao seu último destino, tamén na Mariña Luguesa, coa última exposición pública en Ribadeo, onde se pechará o 18 de xaneiro.
O Mar Mirado ofrece imaxes nas que o mar é percibido como un obxecto e mesmo como fondo da fotografía. Acada así unha dimensión diferente con respecto aos anteriores bloques temáticos da mostra (Cos pés no mar e Do areal ao peirao) con fotografías que recollen o paso de autoridades polo porto ou con praias que se ofrecen como espazo de lecer, de traballo ou do recordo turístico. Ademais, inclúe unha selección de fotografías persoais de coidada composición ou imaxes familiares, improvisadas, onde os seus protagonistas pousan cun sorriso ó redor dunha gamela.
O obxectivo de A Memoria do Mar foi o de xuntar unha grande base de fotografías persoais de centos de mariñeiros e das súas familias, espalladas polo litoral. Recolléronse así catro milleiros de imaxes procedentes de máis de 200 doadores en 25 localidades da costa.