Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Novos referendos en dúas semanas

A Güiana e Martinica decántanse polo 'non' no referendo autonomista

Os dous territorios, sumidos nunha grave crise social e económica, permanecerán como departamentos de ultramar de Francia.

Redacción - 11:15 11/01/2010
Cartaces electorais na Güiana

Cartaces electorais na Güiana

Os electores dos departamentos franceses de Martinica e da Güiana, no Caribe, votaron en contra dun novo estatus xurídico que lles permitiría gozar dunha maior autonomía. Xa que logo, manterán un réxime equivalente ás rexións metropolitanas de Francia, concretamente ficarán como départements d'outre-mer (DOM), rexidos polo artigo 73 da Constitución.

Segundo os resultados oficiais divulgados na noite do domingo, a resposta foi inapelábel tanto en Martinica (un 78,9% dos votantes pronunciouse en contra dun novo estatuto) como na Güiana (69,8%), con participacións do 55,35% e do 48,16%, respectivamente.

O presidente francés, Nicolas Sarkozy, mostrou a súa satisfacción pola campaña electoral e destacou que a "resposta negativa clara" de güianeses e de martiniqueses mostra "o vínculo estreito que os une á República". Ademais, salientou que a convocatoria da consulta se fixo a petición dos cargos políticos locais.

O día 24 deste mes haberá un novo referendo en cada unha das rexións. Os electores decidirán se queren unha reforma moito máis modesta, a fusión do departamento e a rexión nunha administración única, ou se prefiren manter as dúas instancias como até agora e tal como xa referendaran en 2003.

Análise dos resultados
Cómpre salientar que a votación se produce logo dun ano, o 2009, en que as Antillas francesas estiveron sumidas nunha grave crise social, con taxas de paro que afectan máis da cuarta parte da poboación activa, en particular na illa de Guadalupe, onde ademais houbo violentos disturbios.

Segundo apunta a axencia de noticias Agence France-Presse, os habitantes dos dous departamentos votaron co medo a que o Estatuto que as igualaría xuridicamente coa Polinesia e Nova Caledonia -collectivités d'outre-mer (COM), rexidas polo artigo 74 da Constitución-, provocaría que as súas economías -entre as máis pobres da República- fosen aínda a peor.

Na Güiana, a maioría dos partidos fixeron campaña a prol do 'si', incluíndo os independentistas do Movemento de Descolonización e de Emancipación Social (MDES) e os autonomistas do Partido Socialista Güianés (PSG) e os de Walwari.

Na Martinica, tamén os independentistas do Movemento Independentista Martiniqués (MIM) tamén pediron o 'si', mais non os autonomistas do Partido Progresista Martiniqués (PPM) que solicitaron o 'non' xa que a autonomía proposta nesta votación non contemplaba proxecto concreto ningún de futuro para Martinica e que realmente a dependencia de París seguiría a ser absoluta.


Ligazóns

4,29/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: