Cun crecemento do 8,7% en 2009, superando previsións en ano de crise, o xigante asiático xa só tería por diante a Estados Unidos.
Comparativa do PIB chinés e xaponés / Imaxe: BBC
A crise económica mundial tamén zoupou en terras chinesas, mais á luz dos datos que se van coñecendo, no ámbito macroeconómico a conxuntura non apertou tan forte como noutras xeografías. Velaí senón as cifras de crecemento económico que agora se coñecen de 2009: un 8,7%. Ademais, cunha significativa tendencia cara a arriba amosada no último trimestre, no que a economía chinesa se expandiu un 10,7% máis que no mesmo treito do ano anterior.
Esa pequena diminución da taxa de crecemento, e malia as dúbidas que algúns analistas teñen expresado sobre a posíbel falta de precisión na elaboración destes números, reforza a posición de China no ránking das economías mundiais. De xeito concreto, 2010 podería ser así o ano no que a economía chinesa sobrepase finalmente á veciña economía xaponesa. Espérase que Xapón presente os números do seu Produto Interior Bruto, balance de 2009, o próximo mes de febreiro. O prognóstico é que esas cifras indiquen unha significativa contracción. Nese escenario, China brincaría ao segundo posto, só por tras dos Estados Unidos. Nos últimos tres anos o PIB chinés brincou sucesivamente por riba das cifras de varias das potencias económicas mundiais: Alemaña, Italia, Reino Unido e Francia.
Para ampliar: