O aforro no transporte do lixo e a saturación do complexo de Cerceda aconsellan a descentralización.
Os gobernos Fraga, o bipartito e agora o de Núñez Feijoo enfróntanse a un sempiterno problema: que facer cun sistema de tratamento do lixo que está totalmente saturado e se revela como pouco eficiente? O modelo centralizado en Cerceda, municipio ao que chega o lixo de todo o país, leva anos facendo augas. Se Sogama xestiona 900 mil toneladas de lixo, a planta cercedense só ten capacidade para facerlle fronte, no mellor dos casos, a 500 mil. Unha boa parte dos residuos sobrantes van parar directamente ao polémico vertedoiro da Areosa dende hai case unha década.
O Goberno xa deixou claro que non pensa prescindir da incineración de residuos. Os colectivos ecoloxistas exixen unha progresiva diminución desta (até a súa eliminación en 2017) e a construción de plantas comarcais de compostaxe. Mais a aposta da Xunta é clara: ou se amplía a capaciade da planta de Cerceda ou se constrúe unha nova no sur que trate o lixo que se xera en Ourense e Pontevedra.
A Consellaría de Medio Ambiente tiña anunciado que tomaría unha decisión antes de que rematase o ano. Esta mesma semana o conselleiro Agustín Hernández recoñecía que o Goberno non revelará a elección antes do verán. Porén, como se tratase de sondear á opinión pública, falaba de que no sur do país había “un centro de gravidade” na xeración de residuos, en referencia á área metropolitana de Vigo.
Temor á reacción social
Un dos temores da creación de novas plantas de tratamento de residuos é a contestación social que poden ter. Eis o principal atranco que ten a Xunta á hora de decidir un municipio do sur do país. A prol dunha decisión deste tipo sería o importante aforro de transporte. No seu día o Consello de Contas advertiu que a centralización actual no tratamento de residuos era antieconómico e incluso antiecolóxico, xa que as directrices recomendan unha xestión de proximidade.
A segunda opción sería a ampliación da planta de Cerceda, coa instalación de novas caldeiras para incinerar os residuos. O propio alcalde, Xosé García Liñares, defende esta opción ao estimala a “máis lóxica”. Na súa báscula prioriza os investimentos e novos empregos asociados a este proxecto.