O grupo ourensán recolle as composicións destes últimos oito anos no seu novo traballo Fronkiria e ofrécenos un adianto.
Folk, rock e funky. Estes son os estilos que definen a Ergom, o grupo nacido no barrio ourensán de Velle e que leva xa oito anos ofrecéndonos a súa música de fusión, que tamén tira da música tradicional como inspiración para o seu traballo. Agora, logo de moitas horas de traballo e moitas xornadas de intensos concertos, presentan oficialmente o seu primeiro disco, que recibe o nome de Fronkiria.
Este traballo ofrece o que xa ven sendo a identidade do grupo, o estilo fronki (folk-rock-funky) sumado a unhas melodías transparentes, intensas baladas, flirteos co funk, clásicos tempos de rock e rítmicos reels, sen descoidar a raíz tradicional dalgún dos seus instrumentos. Logo de que a formación tivese algunhas variacións sobre o grupo orixinal e despois de tocar en festivais de renome como o Mundo Celta de Ortigueira, regresan agora cunha nova proposta musical.
Ergom gravou unha primeira demo autoeditada en 2003 nos Estudios Muu! en Vigo, coa produción de Pedro Feijoo e Charly Lincoln. Nesta gravación reflectiron os fundamentos do seu son máis clásico así como os novos camiños polos que discorre a súa evolución e fusión cos demais estilos musicais. Agora chega o novo CD a todas as tendas de Galiza distribuído por Lonxa Cultural.
Velaquí un adianto: