Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANTE O TRIBUNAL CONSTITUCIONAL

O goberno español formaliza o recurso contra a Lei de Caixas

Malia o documento, o Estado asegura que non hai inconveniente na fusión entre Caixanova e Caixa Galicia.

Redacción - 16:55 09/02/2010

O goberno español deulle formalidade ao seu anunciado recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas galega. Presentou este martes perante o Tribunal Constitucional o seu texto, dunhas 56 páxinas, contra uns dez artigos da norma por entender que se extralimitan respecto ás competencias galegas en materia de solvencia e natureza das caixas como entidades de crédito e de órganos de representación.

No prazo dunhas dúas ou tres semanas será o pleno do órgano xudicial, que deberá decidir agora se admite ou non a trámite a impugnación formulada pola Avogacía do Estado. Se o proceso xudicial segue o seu curso, a institución deberá resolver sobre o adecuación do articulado da lei galega á Constitución e á Lei de Órganos Reitores das Caixas de Aforros (Lorca). Segundo as previsións que se barallan, o proceso podería prolongarse durante varios meses se a Xunta e o goberno español non chegan a un acordo que permita retirar o recurso, tal e como aconteceu xa na Lei de Caixas de Madrid.

Fusión das caixas

Pola súa parte, a vicepresidenta segunda do goberno español e ministra de Economía e Facenda, Elena Salgado, pediu "que se separe o recurso presentado polo Goberno ante o Consitucional do eventual proceso de fusión entre Caixa Galicia e Caixanova".

"O recurso preséntase contra unha lei que, ao noso entender, non respecta a distribución de competencias entre o Estado e a comunidade autónoma", asegurou Salgado, quen adiantou que non ten inconveniente algún para a fusión das caixas "sempre que se respecten as competencias do Banco de España".


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: